Mónica Barrio e Ismael Fernández: Os multiplicadores de vacas

xoán r. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

BARBANZA

alvite

Levan case dúas décadas traballando a prol da mellora xenética do rabaño

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dous dos máis reputados especialistas en reprodución asistida de gando vacún de España. De feito, unha parte importante do seu traballo desenvólveno de xeito habitual por distintas zonas da península onde lles requiren de servizos tan punteiros como o da transferencia de embrións ou, incluso, de fecundación in vitro, as súas principais especialidades Estes días traballan en granxas de Mazaricos, onde onte impartiron un curso de inseminación para un grupo de gandeiros da localidade. «Gústanos moito que nos chamen para traballar aquí, porque esta zona é moi potente en canto a granxas lácteas e tamén un referente galego do que se conseguiu coa mellora xenética das vacas nos últimos anos», apunta Ismael Fernández que, ao igual que Mónica Barrio, están a piques de cumprir os seus primeiros 20 anos na profesión.

«Somos da promoción 1992-1997 e a verdade é que tivemos sorte, porque empezamos a traballar tan pronto rematamos a carreira», apunta Fernández que, nos seus inicios, xa pisou terras mazaricás facendo clínica cun grupo de veterinarios de Santa Comba. Mónica Barrio, pola súa parte, traballou nas campañas de saneamento gandeiro por toda Galicia, tarefa que compatibilizou coa elaboración da súa tese doutoral dedicada precisamente á fecundación in vitro e que lle serviu tamén para entrar a formar parte do cadro de docentes da Facultade de Veterinaria de Lugo, onde xa realizara os seus estudos.

Alí estivo durante un par de anos, ata que pechou a Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, na localidade de Guísamo, onde ela xa estivera traballando e onde permanecía Ismael. Foi naquel momento cando viron a posibilidade de constituír de forma conxunta unha empresa -chámase Xénese- e non desperdiciar todo o coñecemento adquirido nese centro creado en 1992 e que durante 18 anos foi un referente a nivel internacional en técnicas de reprodución asistida.

Experiencia empresarial

«Xa levaban varios anos facendo moitos recortes e, finalmente, a Xunta, que era o principal socio do proxecto, decidiu pechar a finais de 2011», apunta Mónica Barrio, que non oculta a súa mágoa porque se deixase morrer un proxecto tan innovador e ao que, previamente, se tiñan destinado grandes esforzos e recursos públicos. «Son decisións políticas que supoño están debidamente argumentadas, pero que a min me custa entender. Apenas un par de anos antes, a propia Xunta subvencionara a posta en marcha de novos laboratorios e parece que se ía seguir apostando por un proxecto que era punteiro a nivel europeo, pero, finalmente, non se fixo. Foi unha pena o que pasou porque alí fíxose unha labor excelente e a motivación dos traballadores era máxima», engade ela.

Foi así como empezaron a súa andaina como profesionais autónomos, achegando o transplante de embrións ás granxas leiteiras da comunidade. Unha técnica que, como explica de xeito sinxelo e facilmente comprensible a propia Mónica, consiste na multiplicación xenética dos mellores exemplares. «O que se fai é superovular vacas de alta produción ou gran valor xenético para que, en vez dun só embrión, produza unha cantidade maior -chegaron a extraer 15 dunha única res- que despois poida transferirse a outros animais». O que se consegue así é que as vacas receptoras simplemente alberguen a carga xenética da doante que dará lugar a unha cría de calidade. Co cal, conséguese unha mellora xenética do rabaño de xeito rápido.

Aínda que a maioría do seu traballo o desenvolven no ámbito do frisón de leite, recoñecen que cada vez se aposta máis por esta técnica rápida de mellora xenética do rabaño noutras razas. De feito, na actualidade tamén realizan traballos con embrións de raza rubia galega, da man da Asociación de Criadores de Rubia Gallega (Acruga), e tamén con gandeiros de vacas Jersey.