Normas de bo goberno

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

Tiven a tentación de facer unha porra sobre os resultados das eleccións catalás do xoves, algo para o que, polo xeral, teño boa maña, pero non me atrevo porque, como no chiste de Jaimito, a lóxica política non funciona en Cataluña. Do que non teño a menor dúbida é de que, gañe quen gañe, vainos custar varios potosís, pero o tema de hoxe vai por un carreiro semellante, os desatinos dos poderes públicos que, como di o refrán, págaos Juan Pueblo.

Cando neste concello onde vivo se foron soterrando contedores pensei que era unha boa solución e agardaba que tamén chegaran á nosa barriada. Agora, despois de ler a crónica do que acontece con eles en Barbanza, mellor que non os poñan, pero, claro, pode que, aínda que non os teñamos, esteamos pagando un sobre-custo polos gastos a maiores que se deriven do seu mantemento alí onde os haxa. ¡Unha boa pregunta para a oposición!

Non lle vou facer un reproche a este tema porque quero pensar da boa intencionalidade dos alcaldes e concelleiros que tomaron estas decisións, pero convén dicir que quizais non sopesaron sosegadamente a relación custo-beneficio nin a súa universalización de interese xeral para que os veciños non sexan discriminados, cuestión fundamental a ter en conta dentro das normas de bo goberno. A reciclaxe é unha das cuestións que debe formar parte das preocupacións dos concellos, pero seguramente sexa máis interesante profundar na mentalización e a aprendizaxe da veciñanza na clasificación e separación dos residuos que a sofisticación na recolleita, polo menos de momento.