Lois Basallo: Co soño permanente de ser cineasta

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Rodeouse dun equipo de pobrenses para crear unha curta sobre os malos tratos

11 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente que loita toda a vida ou boa parte dela por facer realidade o seu soño. Mergullado nesa batalla atópase o pobrense Lois Basallo, que sempre quixo traballar no mundo do cine ou da televisión. Ten feito papeis en obras de teatro e mesmo na pequena pantalla, pero agora vén de dar un gran salto. Converteuse en guionista e director de Bágoas de ouro, unha curtametraxe realizada integramente por pobrenses que aspira a entrar no circuíto de festivais galegos o vindeiro ano e mesmo a entrar na relación dos traballos seleccionados para facerse cun premio Mestre Mateo.

Pero o camiño a percorrer é longo. Lois Basallo sábeo e, independentemente de superar ou non os retos que se marcou, amósase tremendamente satisfeito polo tramo completado ata o de agora. Tanto el como a súa muller, Adriana Rego, levan anos tratando de facerse un oco no mundo da interpretación, cara o que orientaron á súa pequena Claudia desde que tiña só tres aniños. Agora, vén de cumprir seis e foi a que tivo a idea de facer unha curta: «Viu no colexio un cartel anunciando o certame Alberto Romero e propúxome participar», explica o pai, que engade que xa tiña varios textos escritos e optou por adaptar un deles para a ocasión.

Desde o primeiro momento, Lois Basallo petou á porta de varios profesionais pobrenses, obtendo de todos un si por resposta. Primeiro, solicitou a colaboración de Gemma Do Carmo, a mestra de teatro da pequena Claudia, que se sumou como actriz e colaborou na adaptación do guion. Logo, entraron a formar parte do equipo Anxo Amil e Adrián González, cámaras e montadores. O resultado é unha produción de cinco intensos minutos: «A idea é amosar a violencia de xénero desde os ollos dunha nena que, nun principio, vive descoñecendo o caso de malos tratos que hai no seu entorno familiar», explica o director.

Aspiracións en aumento

Aínda que nun principio, o obxectivo da curta era participar no certame audiovisual que patrocina a mancomunidade Arousa Norte, Lois Basallo comenta que cando o traballo estivo concluído foi cando o equipo empezou a aspirar a máis: «Pensamos que a curta quedou moi ben e por iso expuxemos a posibilidade de presentala a diferentes festivais». Nese proceso está agora o equipo da Pobra, que soña con ter un ano 2018 intenso.

Independentemente do que ocorra no futuro, o obxectivo de lanzar unha mensaxe en contra da violencia de xénero xa está cumprido: «É unha lacra social que afecta a máis persoas das que pensamos e queriamos denunciala de algunha forma». Lois Basallo pronuncia estas palabras xusto antes de compartir a experiencia da súa filla: «O que máis me chamou a atención durante a rodaxe foi a sorpresa que lle causou a Claudia este tema, xa que ela descoñecía a existencia deste problema».

O director e os seus colaboradores presentaron hai uns días Bágoas de ouro no auditorio do Museo Valle-Inclán pobrense e a reacción do público propiciou que esas aspiracións que compartían no equipo de traballo foran a máis. Tanto, que todos están xa pensando en repetir a experiencia en breve: «A verdade é que agora queremos dedicar os esforzos a difundir este traballo, pero si é certo que temos xa outra idea enriba da mesa e que, se todo sae segundo o previsto, cobrará forma o vindeiro ano». Lois Basallo argumenta que o mes que durou o proceso de elaboración da curta, entre o 20 de outubro e o 27 de novembro, deixou moi bos recordos: «Foi moi divertido, tanto a preparación dos diálogos como a rodaxe. Todo transcorreu entre risas».