Xoán Mariño: «O gran logro da asociación é a revista»

a. novo / m. x. blanco

BARBANZA

MARCOS CREO

O colectivo está a preparar o número 41 dunha publicación que conta xa con 12 anos de traxectoria

28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Barbantia pechará este xoves o prazo de votacións para a elección das persoas e colectivos que se farán cun sereo. Entre os nominados na categoría de iniciativa cultural atópase Terra de Outes, unha asociación presidida por Xoán Mariño.

-¿Como acolle Terra de Outes esta nominación?

-É un recoñecemento e quere dicir que o noso labor en Outes transcende o municipio, chega máis alá e iso para nós é unha honra e un mérito.

-¿Con que fins naceu esta asociación?

-A asociación ten 12 anos de vida e naceu a raíz do afundimento do Prestige. Un grupo de persoas que estivemos limpando chapapote e animando aos veciños naquel movemento do Nunca Máis decidimos organizarnos con fins culturais.

-¿Como foi cambiando o colectivo co paso dos anos?

-Cambiou en tamaño, xa que aumentamos moito o número de socios, e tamén en contido, xa que nun principio quería ser unha asociación ecolóxica, pero logo derivamos cara unha actividade cultural máis intensa. A entidade tamén ten unha vertente mariñeira, pois contamos con dúas embarcacións e estamos á espera dunha terceira. Iso ocupa gran parte da nosa actividade anual, a navegación a vela e a participación en encontros galegos.

-¿Segue estando presente o espírito ecoloxista?

-En estado latente, pero si que segue estando. Esperemos que non ocorran máis desastres que nos obriguen a mobilizarnos de novo.

-¿Que outras actividades realiza Terra de Outes?

-Tódolos anos facemos unha homenaxe a algún represaliado ou morto no franquismo da comarca. A tal efecto levantamos un monumento no Freixo. Tamén facemos tarefas a nivel etnográfico, restauramos un muíño que é un dos poucos que funcionan no municipio.

-¿É difícil atopar colaboradores en Outes?

-A nós cústanos, por exemplo, obter colaboradores para a revista que publicamos. Mantela ao longo de 12 anos creo que é un logro moi importante, do que nos debemos sentir moi satisfeitos.

-Vén de saír á luz o número 40 desa revista, ¿como está sendo a acollida?

-Boa, esa demanda que percibimos é a que nos anima a seguir publicándoa. Non só damos a coñecer novos talentos, senón tamén pinceladas de historia, música e deporte. Iso dálle vida á sociedade de Outes. Gustaríanos ampliar o contido da revista á comarca enteira, polo que estamos abertos a novos colaboradores. O novo número sairá a comezos do 2018.

-¿Cal é para vostede o gran logro de Terra de Outes?

-O gran logro da asociación é a revista, nela temos posto todo o empeño, o esforzo e a ilusión.