Lecturas contra a anorexia

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

MATALOBOS

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A lectura de textos feministas pode axudar a combater a anorexia». Así de rotundo é o título dun artigo que lin a semana pasada. A cousa podía quedar nunha simple frase sen necesidade de máis explicación ou tamén podemos tomala como unha desas frases ditas para provocar. De feito, o inconformismo co corpo de cada un, que lle afecta tanto a homes como a mulleres, pode cambiar tras unha lectura que nos faga ver como non todos os corpos son iguais e que as modas e os manequíns só son obxectos dirixidos a crear uns intereses comerciais, nos que tan doado é caer.

Á fin, a anorexia é un trastorno mental causado pola mesma sociedade. Coñezo tendas de roupa en que os vestiarios teñen espellos levemente convexos para que quen nel se mire se vexa máis esguízaro, o cal anima a mercar esa roupa que, sen eses vidros por medio, nin alisan a barriga nin nos alargan o metro setenta da media. Aínda estou por dicir que o tal bombardeo sobre a figura ideal é unha macabra idea das tendas do prêt-à-porter, para que sexan as persoas quen se adapten a unha roupa estandarizada, xa que é imposible facer prendas en cadea e á medida para cada un de nós.

¿Pero que ten un texto feminista que non teña outro tipo de texto? Pois simplemente a capacidade de concienciar do feito de que ser muller non é ser un obxecto, que cada corpo ten a súa feitura e a beleza non ten que seguir os canons dunha hipotética lei de medidas. Aínda que esa idea de moldear o corpo non se limita ao xénero feminino, non hai máis que entrar nun ximnasio para ver varóns de todas as idades esforzándose por ter a táboa da barriga como a dun deportista de vinte anos que adestra dez horas diarias.