A xiganta durmida

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Non sei moi ben que quedou en nós da catástrofe do Prestige, 15 anos despois do sucedido, máis alá das nosas memorias. Si teño bastante claro que, de volver a acontecer, moito do que pasou se repetiría. Na medida en que a estrutura de poder non cambiou, o localismo político aínda se acentuou e non houbo cambios reais na lexislación e nos equipamentos de seguridade marítima, é obvio que viviriamos de novo a cadea de despropósitos que todos lembramos.

Pero habería cousas distintas: para ben e para mal, as redes sociais volverían trending topic a marea negra durante semanas. Xa de aquela, Internet foi fundamental para comprender o gran movemento de solidariedade internacional que encheu de branco as nosas praias, nun dos primeiros casos no mundo nos que a Rede se convertía nun poderoso instrumento de organización social. E iso que non existían nin Facebook nin WhatsApp. Hoxe, co maior uso destas ferramentas, o impacto aínda sería moito máis crítico que de aquela.

A maior lección foi ver que Galicia é unha xigante durmida. Chegara a aquel Aguiño asediado polo chapapote e emocionárame ao ver a toda a ría, organizada coma un exército prusiano, nas tarefas de limpeza do mar. Ninguén mandaba alí (aparentemente), pero todos sabían o que tiñan que facer para frear un futuro sombrizo. O mellor do que somos estivo alí. Co tempo, a xiganta volveu durmir á súa cova, como leva facendo durante séculos.

Pero a min quedoume a esperanza que calquera día poida espertar sen o chamado urxente dunha situación crítica, e todo cambie por fin.