José Manuel Deán: «A Sin-Son é un gran escaparate»

O edil confirmou que o atleta invitado desta edición será Iván Raña, campión do mundo e de Europa en triatlón


A carreira Sin-Son 10K xa é unha proba de referencia no calendario galego. O bo facer dos seus organizadores provoca que esta medre ano tras ano e José Manuel Deán (Portosín, 1964), edil de Deportes de Porto do Son, é un dos responsables. O concelleiro sonense confirmou onte que Iván Raña, quen foi campión de Europa e do mundo en triatlón, será o atleta convidado nesta sexta edición da cita.

-¿Que supón a celebración da Sin-Son para o concello?

-É un gran escaparate para dar a coñecer o municipio ao exterior. Participa xente chegada de toda Galicia e, incluso, de fóra, que descubre a localidade. Moita regresa despois no verán e de vacacións. Tamén é unha cita importante para a dinamización do comercio e da hostalería.

-Cada ano a carreira medra, ¿cal é o seu teito?

-O límite para a proba absoluta témolo marcado en 1.500 persoas, aínda que o ano pasado tivémolo que subir ata 1.700. Xúntase moita xente e hai que telo todo baixo control.

-Nesta edición dividiron a proba en dous días. ¿Cal foi a razón que motivou esta decisión?

-Consideramos que os rapaces merecen un apartado especial. O ano pasado tivemos preto de 700 escolares e, ao chegar os 1.700 da carreira de dez quilómetros, puidéronse congregar entre 3.000 ou 4.000 persoas na meta, contando tamén aos acompañantes. Así o sábado dedicarase aos pequenos, coa súa entrega de premios na que se poderán sentir importantes. Tamén será bo para os pais que corran o domingo xa que o farán con tranquilidade, sabendo que os seus fillos están ben coidados no servizo de gardería que haberá na liña de meta.

-Organizar unha cita desta magnitude non será doado.

-Traballamos todo o ano para que sexa unha realidade. Ten un orzamento alto e conta con máis dun centenar de voluntarios para o seu desenvolvemento.

-Dixo na presentación da Sin-Son que buscarían un lugar máis amplo para a saída. ¿Xa está decidido cal será ese espazo?

-Será na zona do porto de Portosín, debaixo da fábrica de xeo. A finalidade do cambio é ter máis espazo para que a carreira se estire. Así, cando os participantes se vaian cruzar uns cos outros non se rexistrarán problemas. Xa está todo calculado.

-Tamén comentou que haberá un arco de saída máis vistoso.

-Vai a ser dobre e fará a saída aínda máis espectacular. Era algo que queriamos instalar o ano pasado, pero non puidemos por falta de espazo.

-¿Esta é unha forma máis de seguir ofrecendo cousas novas aos participantes na cita?

-Si, e temos máis novidades. Na feira do corredor, que será na casa da cultura, haberá, ademais das charlas dos atletas invitados e das autoridades, unha exposición con fotografías dos inicios da carreira e das camisetas de todas as edicións. Hai que variar e ofertar algo novo.

-Aínda falta un mes para a carreira e xa hai máis de 700 inscritos, augura boas cifras.

-Vamos a un ritmo moi alto, como sucedeu o ano pasado. Nós temos claras tres cousas. Por unha parte, que os deportistas escolares son moi importantes e que por outra están os maiores, que se dividen en dous sectores. Os profesionais que veñen a gañar e os afeccionados, que chegan con moita ilusión. A idea é manter esa mestura.

-¿Que ten a Sin-Son para gustar tanto e xerar tal interese?

-A súa singularidade, xa que é unha das poucas carreiras en liña que se celebran en Galicia e, ademais, sempre se vai mirando ao mar. E tamén polo trato especial que reciben os corredores, que teñen avituallamento líquido na metade da proba e na chegada reciben zumes, froita e rosca. A nosa intención é darlles todo tipo de facilidades aos participantes, para que cheguen aquí e só teñan que pensar en correr. Por iso tamén hai un servizo de autobús entre Porto do Son e Portosín. Queremos mimalos e que tras cruzar a liña de meta decidan quedarse a comer ou pasear polo noso concello.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

José Manuel Deán: «A Sin-Son é un gran escaparate»