Xosé Agrelo Romero: Un políglota do eido artístico

Fusiona na súa obra tres linguaxes diferentes: pintura, escultura e poesía


ribeira / la voz

Alá pola década dos 80, cando Barbanza era practicamente un deserto a nivel cultural, un grupo de mozos con importantes inquedanzas na materia poñían en marcha Xoves Culturais, unha asociación que chegou a ser considerada unha institución pola gran cantidade de actividades que desenvolveu, entre elas, unha publicación de carácter periódico. Un daqueles rapaces era Xosé Agrelo Romero, o mesmo que, convertido en Agrelo de Isorna, presenta esta tempada no centro Lustres Rivas de Ribeira Un modo de sentir a realidade, unha exposición que fusiona tres linguaxes artísticas: pintura, escultura e poesía.

De Agrelo sobra dicir, tendo en conta ese importante antecedente, que sempre estivo vinculado ao eido cultural, primeiro na súa Barbanza natal e logo na Barcelona que o adoptou. Recoñece que tamén desde neno viviu ligado á arte, aínda que a aparcou unha longa tempada, quizais para retomala con máis enerxía ca nunca. Advirte, de feito, que á gran exposición que ten nestes intres en Santa Uxía, integrada por case corenta pezas, lle seguirán outras. A particularidade da súa obra radica en que son series que sempre xiran ao redor dun proxecto común: «Ten que existir unha idea moi definida que una os meus traballos e iso trae consigo unha fonda investigación».

O rianxeiro explica o sentido da súa última amalgama artística, a que exhibe en Ribeira, comparándoa cun barco: «Babor serían as homenaxes aos nosos clásicos, entre os que se atopan Manuel Antonio, Castelao e Faustino Rei Romero; estribor, o amor e tamén o sentimento á terra, ao país, a Galicia; a proba, o misterio que ollamos cando navegamos; e a popa, o mar, a estela que deixamos atrás». Pecha a escena mariñeira coa despedida, co adeus de Manuel Antonio. Mensaxes de solidariedade, de amor e de respecto aos pobos do mundo tamén se integran nesta colección, que inclúe unha referencia especial á illa de Goree, a chamada porta da vergoña, por ser durante séculos un punto de embarque de escravos. Os homes e mulleres que deixaron a súa vida no Mediterráneo tratando de chegar a Europa tamén teñen o seu oco nesta mostra de Agrelo: «Hai un texto, Á valga, que nace unha noite de inverno, despois de escoitar un programa de radio sobre Lampedusa».

O primeiro, o pintor

Aínda que o artista de Isorna considera que esa faceta poética sempre viaxou con el, recoñece, non sen certa dificultade, que o primeiro Agrelo que naceu foi o pintor: «Xa na miña nenez me gustaba a pintura e estou de feito seleccionando 50 ou 60 obras, de entre as máis de 200 que teño, para montar unha exposición». Quero amosarlle aos nenos como pintábamos antes no rural, os materiais que empregábamos». Xa na adolescencia, veu a luz o Agrelo escultor: «Fixen un curso de talla de madeira co mestre Alfonso Romero e aí espertou a miña paixón por este mundo. Iso serviume de base para pasarme despois á pedra e agora compaxino os dous materiais».

Mentres crea, Xosé Agrelo segue a argallar iniciativas de carácter cultural. Aliméntase das experiencias do pasado, que non foron poucas. Entre as máis destacadas están aqueles Xoves Culturais que aínda fan que se emocione: «Constituíu unha asociación pioneira e foi unha mágoa enorme que desaparecera». Menciona tamén o colectivo Vionta, con sede en Ribeira, e o centro cultural Faustino Rey Romero: «Marcou un antes e un despois para Isorna». Mesmo formou parte, no ano 1986, da comisión encargada de organizar o Ano Centenario de Castelao. Asegura que por aquel entón a loita era imprescindible: «Había unha necesidade de apertura cara a cultura galega, por iso o movemento foi tan forte».

Continuou na primeira liña da fronte ao longo da súa estancia en Barcelona, da que destaca a posta en marcha dos Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña, que buscaban espallar a cultura galega entre os emigrantes; a participación no grupo de teatro Lonxe da Terra e a pegada literaria que deixou na revista Lúa nova. E seguiu, claro está, mergullado na batalla ao regreso ao seu Rianxo natal, sumándose nos anos 90 aos afamados faladoiros literarios do Café Feliciano. Prepara nestes intres o terceiro festival de poesía mariñeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xosé Agrelo Romero: Un políglota do eido artístico