Baleas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

As fermosas baleas comezan a deixarse ver, pasando garbosas e greludas por diante das nosas costas, cos seus bufidos de auga vaporizada e a súa pel brillante. Saber tal noticia, e ver eses vídeos que circulan polo Facebook, enche de ledicia.

Non sei moi ben por que as baleas caen tan ben: quizais esa cadencia mansa, xigante e á vez vulnerable, enternécenos.

Non faltará quen, como bo galego, estea xa a pensar en se se poderán comer e que tal quedarían preparadas como carne ao caldeiro. Na actualidade, por fortuna, estes mamíferos xigantes están totalmente protexidos en Europa.

Os científicos non teñen claro en que medida esta frecuencia de avistamentos ten que ver con consecuencias do cambio climático e o desxeo dos polos, un lugar común no que todo o mundo se mete sen criterios científicos.

Se cadra, opina algún experto, estea máis relacionado con que en Galicia non se pescan baleas desde o ano 1985 e o que estamos vendo agora é unha certa reposición da especie, que xa é de seu de ciclo lento e mansiño. Non o sabemos.

O que si estou seguro é que xa hai máis dun espabilado dándolle voltas a preparar un barquiño para levar os turistas á zona de paso de cetáceos.

É por iso que igual viña sendo ben, como comentaba o meu compañeiro Miguel Alonso, ir pensando en como regular o acceso a esas zonas de paso para garantir que estas grandes amigas poidan transitar sen problemas e non se convertan nun espectáculo de masas e selfies. Xogámonos esta nova amizade cetácea.