Goiáns

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada un dos pazos que hai na comarca do Barbanza é como un pequeno e fermoso mundo que nos fala non só de fermosura artística e riqueza aristocrática. Para min quere dicir outra cousa: o gran esforzo dos nosos devanceiros, labregos e mariñeiros, que coas súas contribucións e, sobre todo, a suor da súa fronte e a dor das súas costas, financiaron estas senlleiras edificacións.

A decisión do alcalde e do Concello de Boiro de meterlle man por fin ao pazo de Goiáns, un dos máis fermosos que hai nas nosas terras, foi para min un motivo de alegría nestes días que a política déitanos lixo turbulento sobre os ollos e oídos. Recuperar o pazo demostra que as cousas, cando se quere, pódense facer. Goiáns é un recurso excepcional para Boiro e tamén para o Barbanza, especialmente por non ser un pazo ao uso.

A súa torre de Domingo de Andrade, marabilla da arquitectura do país, a súa ubicación ao carón do mar cun xardín delicioso, a súa fusión entre residencia e granxa, os misteriosos restos medievais que se observan. É un proxecto, a pouco que se faga ben, gañador.

Pero vou engadir unha última cousa: atopados os cartos para botar o cemento, agora cómpre pensar no máis importante de todo o asunto: que contar en Goiáns. O propio pazo ten aínda unha historia propia por descubrir, por exemplo, chea de chiscadelas e vidas.

Non hai nada no mundo actual que se poida facer sen un relato, sen unha marca diferenciada na oferta cultural da comarca. Encaixar e seducir custa, moitas veces, máis dun millón de euros.