Este comprometido libro, publicado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, comeza cunhas Palabra Introdutorias de Alonso Montero: «Dous republicanos de Ribeira escriben ós seus seres queridos cando sospeitan ou xa teñen a certeza de estaren condenados a morte: José Sieira González e José Lijó Louro, fusilados en Boisaca (Santiago) o 29 de xaneiro de 1939».
Baixo o título Dez días de xullo en Ribeira coñecemos os integrantes do Comité de Defensa da República en Ribeira, que serían fusilados uns meses despois. Logo, veñen as arrepiantes Biografias de José Sieira González, que escribiu cinco cartas dende a prisión, e José Lijó Louro, que lle remitiu á súa familia 15 misivas.
Despois coñecemos a Documentación do Consello de Guerra, que se celebrou en Santiago de Compostela o primeiro de setembro de 1936, contra o devandito Comité de Defensa da República en Ribeira.
A obra remata cuns sentidos Poemas con ocasión da xuntanza pola recuperación da memoria histórica do Barbanza en Ribeira, xuño de 2013, uns versos de homenaxe tecidos polos escritores Xabier L. Marqués, Eme Cartea e Antonio Piñeiro.
«Letras de morte e liberdade»
Comisión pola Recuperación da memoria Histórica da Barbanza (2017)
80 páxinas