Chamusco

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

23 oct 2017 . Actualizado a las 10:29 h.

Hai momentos moi determinados nos que un pobo actúa coma un único individuo. O domingo pasado o pobo galego deu, outra vez, unha boa mostra do que é organizarse ante as contrariedades e o perigo. Dá igual que os gobernos de Madrid ou de Compostela non estean á altura, os galegos, volveron tirar dos capachos, pero esta vez non se encheron de chapapote se non de auga.

Onte mesmo, milleiros de galegos saturaron Compostela para dicir que xa abonda de aldraxar á nosa nai. Nesta batalla non hai que andar nin con tacto, nin con diplomacias; loitamos polo noso fogar e a nosa vida.

Se xa é duro abondo ver arder o noso país polos catro costados, máis duro é aínda soportar que nos mintan na cara como fixo o presidente Feijoo dicindo que tiña a cinco mil efectivos loitando o domingo contra o lume. Por sorte temos aos bombeiros de Galiza, que cifran, no mellor dos casos, en cincocentos os heroes que loitaban eses días fronte ao lume e a incompetencia. Desta volta o presidente non sacou a mangueira.

Hai que deixarse de monsergas e cortar de raíz o problema. O pasado ano o presidente Rajoy, estando aínda en funcións, prorrogou a estadía de Ence en Pontevedra sesenta anos máis. Así, sen anestesia nin nada, un señor que pasa por galego pero que non o sabe falar hipotecou o futuro do país en xeral e da ría de Pontevedra en particular por seis décadas máis. Veña, ¡a seguir plantando eucalipto!

Non serve de nada meter na cadea a un pobre inútil que prendeu unha hectárea de monte por facer uns chourizos, hai que mollarse de verdade, ou na vindeira, amigos, saímos todos queimados.