Deus dea traballo, do bo, a poder ser

BARBANZA

Deus dea traballo. Esa expresión, consolo para os que tragan con carros e carretas para cobrar un soldo a final de mes e desexo transmitido por terceiros cando alguén fai algún comentario alusivo á sobrecarga de traballo, á dureza do seu oficio ou ao mal pagado que está, converteuse nunha especie de mantra cando a crise mostrou a súa peor cara e expulsou do mercado laboral a milleiros de persoas. Deus dea traballo, di ben intencionadamente a xente cando toca facer garda as fins de semana, ou cando hai que cubrir horas extras aínda que sexa gratis, ou cando o que queda é apertar o cinto e aceptar rebaixas salariais con tal de non perder o emprego.

Deus dea traballo. Iso deben estar escoitando estes días en cada conversa os operarios dunha empresa da bisbarra. Podía ser peor, claro, podía ser que os botaran a todos á rúa sen máis e se viran sen ter a onde ir buscar ocupación porque as saídas laborais que se presentan no seu entorno inmediato son máis ben escasas. Pero non, a empresa quere pechar a fábrica, si, pero dálle aos seus empregados a oportunidade de conservar o seu posto, a cambio dunha pequena peaxe: a de ter que percorrer todos os días un camiño de hora e media para traballar as oito horas de rigor e logo volver á casa pola mesma tortuosa estrada. Serán os afectados os que terán que decidir se están dispostos. A moitos non lles quedará outra, e outros é posible que teñan que rexeitalo, non por gusto, senón porque as súas cargas familiares non lles permiten semellante peripecia diaria. Iso que chaman conciliación da vida laboral e persoal, vaia.

E nun contexto coma este, ese Deus dea traballo deixa de ser un consolo para adoptar un significado perverso, servindo de coartada para o menoscabo das condicións laborais dos obreiros de a pé, que son os únicos que dan grazas á divindade por ter unha ocupación remunerada; para os outros, os que ocupan altos cargos, semella que o soldo é un dereito adquirido que non depende de que se produza a conxunción astral adecuada. ¿Non foi o Deus dea traballo o argumento máis repetido para xustificar o retroceso dos dereitos laborais cando a crise fixo que se dispararan as cifras de desempregados? ¿Non foi o cravo ardendo ao que se agarraron moitos para comulgar con rodas de muíño e aguantar á espera de que a situación mellorase?

O que se esquece con ese rogo, con esa petición de intercesión para ter emprego, é reclamar traballo do bo, de calidade, estable, con todas as garantías e dereitos. Seguro que moitos pensaron iso cando este verán os chamaron para un contrato dun par de semanas na hostalería, ou mesmo na sanidade: algo é algo, polo menos temos traballo.