Jerjes Jajá

X. Ricardo Losada ACASOS

BARBANZA

29 sep 2017 . Actualizado a las 11:01 h.

Puxen o título deste texto sen saber de que falar, así que pido desculpas se me sae unha parvada. Vendo no canal de Historia un documental, mencionaron o rei persa Jerjes e, de súpeto, pensei Jerjes Jajá. Son ese tipo de cousas ás que os psicólogos lles sacan moito partido descubrindo asociacións inconscientes, pero a min non me van ese tipo de solucións. Menos aínda nese caso pois era moi evidente que asociara Jerjes con jajá porque en vez de Jerjes o meu inconsciente (xa vedes, non hai forma de escapar dos psicólogos) debeu oír Jeje. O resto é obvio. Un tipo coma min non podía deixar escapar a oportunidade de escribir un texto con ese marabilloso e risoño título. Jerjes Jajá.

E con ese título parecía claro que tería que contar algunha historia simpática sobre Jerjes. Claro, pero tamén preocupante. A imaxe creada polos profesores e o cine sobre os reis da antigüidade fannos pensar máis en traxedias que en comedias. Pero o temor disipouse axiña. Hai unha anécdota moi simpática sobre Jerjes que, por inesquecible, non tardei en recordar. Durante a campaña na Hélade, ordenou construír unha ponte no estreito do Helesponto, ponte que destruíu en pouco tempo un mar embravecido. Jerjes encolerizouse e ordenou decapitar os enxeñeiros, pero tamén azoutar o mar e facelo prisioneiro eternamente lanzando cadeas á auga.

Hai nesa historia algo que me chama poderosamente a atención. Entendo que Jerjes castigase os enxeñeiros por construíren unha ponte pouco resistente a unhas condicións do mar previsibles. O que non entendo é que castigara o mar. Se a ponte era mala, o mar cumpriu co seu deber e non merecía un castigo senón un premio por advertilo da incompetencia dos seus enxeñeiros. E, se a ponte era boa, é evidente que o mar ben merecía o castigo, pero non os enxeñeiros, pois cumpriron co seu deber. En fin. Non sei moi ben que pensar sobre a categoría moral de Jerjes. O que si sei é que para que algún día eu puidese escribir un texto con este título, Jerjes tiña que azoutar e encadear o mar. Como vedes, Jerjes Jajá non é ningunha parvada. Así que... Je je Ja ja.