Destaca a importancia desta publicación en galego nun momento tan delicado para o eido cultural
28 sep 2017 . Actualizado a las 05:05 h.Entre as persoas que fan posible que cada último venres de mes vexa a luz o suplemento A Voz de Barbantia atópase Pedro García Vidal. Para este especialista en xeografía constitúe unha gran ledicia poder asistir hoxe á presentación do quinto recompilatorio, o que recolle desde a publicación 101 ata a 125. O acto terá lugar ás 20.30 horas, na casa de cultura noiesa.
-Hoxe o quinto recompilatorio e mañá verá a luz o suplemento número 127, ¿como viviu esta longa traxectoria?
-Para min foi unha auténtica aventura chea de ledicia, porque o feito de que o suplemento perdure é verdadeiramente sorprendente. Non é doado atopar un equipo de xente que escriba e traballe de forma altruísta.
-¿Que o levou a involucrarse neste proxecto e a seguir achegando o seu grao de area?
-Penso que o feito de que trate de algo que facemos un grupo de amigos unidos ao redor de Barbantia. Algúns coñeciámonos de antes, pero a asociación fixo que un gran grupo e ese nexo fai que esteamos sempre en contacto, compartindo a afección común pola cultura.
-¿Cal é a súa achega ao suplemento?
-Eu escribo sobre xeografía e tamén estou na coordinación dos apartados dedicados á historia.
-¿Destacaría algún dos traballos realizados?
-Para un escritor, as súas obras son coma fillos e nunca renuncia a ningún. Gústame a xeografía e normalmente escribo sobre a paisaxe das vilas.
-¿Atopouse con algún obstáculo nesta aventura?
-O problema é sempre ter os artigos preparados para o momento en que son necesarios. Hai seccións máis complicadas, como En obras.
-¿Augúralle un futuro longo ao suplemento?
-Si, porque vexo que a xente está interesada. Moitas veces me paran pola rúa para preguntarme cando chega o recompilatorio ás librarías ou para facerme comentarios sobre os meus artigos.
-¿Cal é o segredo deste éxito?
-O segredo é o voluntarismo da xente, as gañas de colaborar, a non existencia de egos, a amizade e o pracer de ver cada último venres de mes un suplemento cultural en galego nun xornal como La Voz de Galicia. Todo iso, nun momento no que a cultura está a atravesar unha etapa moi complicada.
-¿Bota algo en falla no suplemento?
-Penso que habería que ampliar as seccións, introducindo por exemplo a poesía e o cine. É complicado, pero algún día conseguirase.
-¿Cal é a súa sección preferida da publicación?
-Sempre me fixo, nun primeiro momento, na caricatura da entrevista. Cando abro o suplemento é o que me chama a atención. Logo tamén me gustan as fotos antigas. En xeral, teño predilección por todo o suplemento.