O máis veterano construtor naval

J. M. SANDE MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

SANDE

A ilusión de Camposas é ver aos seus netos incorporarse ao seu estaleiro

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Freixo asociase ao marisqueo, e aínda que os seus areais sempre foron abondosos en berberecho e ameixa, estes non tiñan o aprecio de hoxe, nembargante esta localidade xa era coñecida pola existencia dun bo número de estaleiros nos que se construíron moitos barcos de pesca. A carpintería de ribeira foi esmorecendo, pero aínda hoxe hai no Freixo algúns artesáns da construción naval, sendo Domingo Lago Martínez, coñecido por Camposas, un dos de maior idade, e tamén o que con 83 anos é quen de dar o copeo preciso a un bordo, inxolar unha caderna ou elixir a madeira idónea para barraganetes, sobrequillas ou as cadernas.

Domingo Lago iniciouse na carpintería aos 12 anos, con Ricardo Senra, e aínda que a ebanistería era o obxectivo da súa formación laboral, decontado se decidiu pola construción de barcos no Freixo. Lembra os seus inicios, as dificultades laborais de entón, pola falta de medios materiais e a competencia no sector, pero tamén a grande profesionalidade: «Daquela faciamos de todo. Aserrábamos a madeira, carretábamola en palicuerdas, e despois nos talleres case todo era manual. Aínda así, traballábase ben, pois amais do orgullo de cada taller, estaba a sona que cada quen acadaba polos barcos que facía, e de iso dependían os novos contratos que cada taller chegaría a facer», comenta.

Camposas non é quen de lembrar o número de barcos que saíron do seu taller. Pese a iso, afirma: «Nós fixemos centos de barcos de todo tipo e tamaño. En especial construímos embarcacións de pesca, pero tamén barcos de carga. Do noso taller saíron moitos navíos de 25 e de 30 metros de eslora, para armadores de toda Galicia e de fóra. Entre os destinos preferentes destacaron Ribeira, e tamén Huelva».

Evolución do taller

Domingo Lago recorda a evolución do seu taller: «Para nós era prioritario a nova construción, pero pronto nos decatamos de que nas reparacións e reformas tamén había mercado, e por iso en 1972 decidimos construír vías de varada. Mercamos a fábrica de Sedefal e instalamos raíles para varar os barcos. Tamén montamos un taller mecánico que nos servía para os motores e facer reparacións. Co tempo, ampliamos as instalacións e diversificamos os talleres, adecuándoos para atender todo tipo de reparacións. Na actualidade dispoñemos de medios, persoal e técnica precisa para construír en aceiro, como xa temos feito ultimamente. Non traballamos en fibra, pero si utilizamos eses materiais en neveiras e interiores das embarcacións».

Camposas non quere polemizar sobre a idoneidade de construír os pesqueiros en madeira, fibra ou ferro: «Os talleres temos que facer o que piden os armadores. Antes todo era en madeira, e agora parece que decántanse por outros. A nós só nos queda evolucionar ou pechar, como tiveron que facer outros. Tamén penso que hoxe sería moi difícil facer barcos de gran porte en madeira, porque xa non hai carpinteiros capaces de facelos. Lembro que en conversas con políticos téñolle pedido que non deixen morrer a tradición na nosa comarca. Que se creen escolas de carpintería de ribeira, pois é a única forma de que se perpetúe a nosa historia».

Domingo Lago non se quere esquecer do que o ocupou toda a vida, e por iso, aínda que xa xubilado, acode case a diario ao estaleiro, e confesa con moito agrado: «Síntome moi satisfeito de que os meus fillos seguiran coa tradición laboral da familia e só me queda por ver que os meus netos empecen a traballar con nós. Parece que lles leva a idea, e decontado, ao acabar as carreiras relacionadas co sector naval que están a rematar, incorporaranse ao estaleiro. Non quixera morrer sen velo, e esa sería a miña maior alegría», confesa.