A man que suxeita o remo muradán

J. M. Sande MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

JOSE MANUEL SANDE

Dende hai tres anos, dirixe a entidade deportiva que logrou reflotar a base de traballo

06 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin a distancia foi motivo de esquecemento, nin as circunstancias profesionais conseguiron que Lito Lestón Leal renunciara á súa orixe muradá ou a afección herdada de seu pai, o deporte do remo. Cando a situación do Club de Remo de Muros entrara nunha fase de preagonía, un grupo de simpatizantes de esta modalidade propuxéronse reflotar a entidade, e entre eles atopábase Lito Lestón. El non puxo atrancos a encabezar unha nova directiva, pese a que reside en Madrid dende hai anos, e o seu traballo, na Casa de Galicia na capital do Estado, impídelle volver á vila onde naceu. Leva xa tres anos presidindo o clube dos seus amores, e dende entón esta agrupación deportiva acadou un éxito sen precedentes: 120 rapaces e rapazas adéstranse nesta sociedade e, este ano, remeiros do equipo xa participaron con éxito en todas as categorías.

O presidente do Club de Remo de Muros afirma: «Un grupo de amigos falamos da necesidade de reflotar un club que se afundía. Pedíronme que encabezara unha nova directiva e eu, lembrando os atrancos que xa meu pai tivera para colaborar na creación desta entidade en 1984, non fun quen de rexeitar o compromiso. Asumimos o risco de comezar case da nada, aínda que algún material había, pero o que faltaban eran os remeiros».

O espírito da vila

«O resultado colleunos por sorpresa, a xente estaba ansiosa por colaborar, por iniciarse nesta práctica deportiva e por formar grupos competitivos de remeiros. Pero a maior satisfacción foi constatar que todo o pobo quería axudar, a tradición do remo non esmorecera na nosa vila pese as dificultades existentes», indica.

A Lito Lestón non lle facían falla responsabilidades en Muros para lembrarse do seu pobo. «Estou contento en Madrid, pero alí fáltame o cheiro do noso mar», confesa. Agora, o presidir o Club de Remo xa ten xustificación para escaparse a Muros. Pese a iso manifesta: «Veño máis do que sería preciso, pois somos un grupo de persoas moi comprometidas co equipo, e cada un asume á perfección o seu traballo, que realizamos de forma altruísta, pero eu quero estar aquí o máximo tempo posible. Tamén temos a sorte de contar con Dani Canosa, un gran coñecedor deste deporte. El si é imprescindible para o club».

A nova directiva desta entidade propúxose non só fomentar o práctica do remo entre os afeccionados, senón que, á vez, tentar participar en tódolos actos sociais, lúdicos e festivos que se celebran na vila muradá. Os seareiros e tamén os deportistas do club séntense así máis satisfeitos, e todas esas accións serven para fomentar un espírito corporativo e social, unha ocupación divertida do ocio e unha colaboración con iniciativas que propoñen outras agrupacións.

Así, nas xornadas de Muros mira ao mar, carreiras, actos benéficos, nas comparsas carnavalescas e noutras actividades é palpable a presenza da entidade que dirixe, o Club de Remo de Muros.

Altruísmo nas veas

Aínda que Lito Leal nunca busca ser protagonista, a verdade é que a el se debe en gran medida o éxito acadado agora pola entidade. A súa personalidade, o traballo desinteresado en favor dos demais, un talante afable e sempre agradecido, a ilusión por acadar para o seu pobo todo o bo que fai medrar aos demais, son aspectos que o diferencian e que os veciños lle recoñecen.

Este muradán aínda lembra con agarimo cando Ximiela expuxo en Madrid os seus traxes tradicionais: «Cando souben que os de Louro viñan á Casa de Galicia, non me daba chegado a data da inauguración da exposición. Contáballo a todos, quería que todo Madrid vira o que se facía no meu pobo, e aínda hoxe, sete anos despois, recórdanme o éxito acadado pola mostra». Tampouco a directiva do grupo folclórico esquece o trato que en Madrid lle dispuxo Lestón Leal.

Pensando no remo, Lito Lestón soña con que algún día os clubs de Esteiro e Muros sexan capaces de formar unha tripulación conxunta para competir con garantías na traíña grande. «Sería ideal, os do concello de Muros unidos nunha proba de traíñas, disputando as bandeiras das principais localidades galegas».