Luis Sanmartín: «A Carreira Pedestre de Noia é unha referencia»

BARBANZA

MARCOS CREO

O noiés recoñece que a historia da proba e o percorrido axudan a que participen máis de 700 persoas

28 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Creada en 1978 polo Club Atletismo Noia, a Pedestre noiesa é unha cita obrigada para todos os amantes do agora chamado running. O presidente da entidade que lle deu vida, Luis Sanmartín, explica que significa para a vila esta competición pioneira a nivel galego.

-¿Como senten a carreira?

-Son xa 21 edicións. Fomos dos primeiros en facer unha competición deste tipo. A Pedestre é unha referencia, é moi atractiva para os corredores polo seu percorrido. Ademais o peso que ten o club, tanto a nivel autonómico como coas súas incursións nacionais, axuda a que teña máis forza.

-Hai poucas probas tan consolidadas como a vosa.

-Creo que si. Cos cambios que fixemos o pasado ano pechamos un percorrido moi interesante e manterémolo, ao igual que os premios e as categorías. Esperamos cumprir coas expectativas que se crearon no 2016.

-¿Cales son?

-Creo que deberíamos volver a ter unhas 400 persoas na proba absoluta. Serán unhas 700 en total coas categorías base, que volverán a contar co circuíto instalado na Alameda.

-¿Cales son as peculiaridades do percorrido?

-É unha carreira rápida, con apenas subidas, máis alá de unha en Labarta, a partir de aí é completamente chan. É moi espectacular porque pasa polo aparcamento Xuíz Falcone. Son nove quilómetros e daranse dúas voltas. Ao ser nocturna, coa saída ás dez da noite, a entrada en meta é moi atractiva.

-¿Que beneficio saca o voso club con esta competición?

-Gústanos organizala para que a xente teña unha oportunidade de correr na casa. Ademais, serve para facer unha especie de captación entre os máis mozos. A pedestre é unha mostra do que é o club en si, haberá unha gran presenza dos nosos atletas, ao redor duns 100, cun nutrido grupo de veteranos.

-¿Fai falla unha preparación específica para a proba?

-Non te creas. A ver, son nove quilómetros de distancia, e con preparala un mes antes non chega. Sen embargo, co boom que está vivindo o running, a xente está moi ben preparada fisicamente. Mellorouse moito e iso nótase.

-O atletismo estase convertendo nun fenómeno de masas.

-A xente está concienciada de levar un estilo de vida saudable. Sen embargo, dende a miña experiencia vexo que a veces pérdese o control. Hai quen quere facer unha maratón nun mes.

-¿Hai algo no que poida mellorar a competición?

-Agora mesmo hai unha gran oferta de carreiras populares, cuns premios que nós a día de hoxe non somos capaces de ofertar. Creemos que os nosos son suficientes, xa que se trata dunha competición comarcal. Nós queremos manter a esencia do que é o atletismo. Sen embargo, para que veña xente de moito nivel hai que incrementar as contías.

-¿Que tal a relación do club co Concello de Noia?

-Excelente, coma sempre. Todos estamos interesados en que a carreira se celebre. Axuda a darlle proxección ao deporte que se practica na vila.