Accesibilidade

Manuel de Lario OPINIÓN

BARBANZA

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre pensei que a accesibilidade, como moitas cuestións sociais, é máis asunto de feito que de dereito. É dicir, que a implementación de actividades, produtos, recursos e servizos depende moito máis da inquedanza das persoas que da lei. Uns definirano como relación entre oferta e demanda, outros como o proceso dialéctico da transformación da realidade. Sexa como fose, o que realmente importa é que calquera persoa, independentemente das súas características, poida participar na sociedade en igualdade de condicións que os seus semellantes.

Este querer facer, vén de lonxe en Barbanza. Feito probado é a actividade do movemento asociativo con Adisbismur (constituída en 1981), Ambar (1982) e o Stand (1993, reconstituída como Misela). Todas elas vinculadas a Cogami como representantes de persoas con discapacidade.

Outro dato a ter en conta é o asesoramento sobre accesibilidade. Cogami vén prestando este servizo dende 2001 e, neste tempo, resolvéronse 87 consultas. Poden parecer poucas en máis de 15 anos, pero son 87 familias e negocios que obtiveron unha resposta cualificada ás súas dúbidas.

Son milleiros as persoas con discapacidade que cada día van -imos- á escola, ao traballo, a facer deporte ou a tomar catro tapas á tardiña. Froito desta crecente presenza na rúa, por sorte xa habitual e normalizada, é o tamén maior interese en resolver as carencias de accesibilidade. Pódese xustificar algunha urxencia polo vencemento do prazo dado na Lei de Igualdade de Oportunidades, pero, como dixen, creo máis nos feitos que no dereito. Exemplos temos no plan solicitado por Portos para o peirao de Ribeira (2010) e, máis recentemente, o de Porto do Son, en período de aplicación.

Un plan de accesibilidade é un instrumento técnico, coherente e compatible con outras planificacións municipais -como as de ordenación do territorio e mobilidade- que integra o principio de deseño universal na urbanización e construción dun concello. A aplicación e execución dese plan garante que calquera persoa poida desenvolver a súa vida en igualdade de condicións; sen máis dificultades que as estritamente derivadas das súas características individuais. É dicir, transformar o dereito en feito.

Manuel de Lario é consultor de accesibilidade de Cogami.