Mozos ansiosos por activar o seu pobo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ofrecer alternativas de carácter lúdico é o principal obxectivo da entidade

11 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai mozos emprendedores, cheos de ilusión, que están dispostos a cambiar o mundo; ou polo menos, o seu entorno máis próximo. É o caso de sete rapaces que veñen de unir as súas forzas en Outes cunha meta no horizonte: darlle vida ao pobo no que residen, ofrecéndolle alternativas de lecer á mocidade. Teñen 17 e 18 anos, e fundaron Arestora, unha asociación que está a dar os seus primeiros pasos, pero que nace co firme propósito de consolidarse nun futuro próximo, de atraer novos colaboradores e, sobre todo, de evitar que os máis novos do lugar se despracen a municipios limítrofes para gozar do seu tempo libre.

Foi precisamente o feito de ver como boa parte da mocidade de Outes tece as súas redes sociais fóra do termo, fundamentalmente na veciña vila de Noia, o que levou a estes veciños a xuntarse. «Consideramos que un dos motivos polos que a xente da nosa idade fuxe de aquí no seu tempo libre é porque as actividades que hai en Outes enfocadas á mocidade son mínimas. A maior parte das propostas que xorden do Concello son para os cativos», comenta Anxo Núñez, un dos impulsores de Arestora.

É precisamente ese oco o que queren encher estes emprendedores. Aseguran ter un feixe de ideas na cabeza para conseguilo e confían en que as primeiras vexan a luz este mesmo mes: «Co fin de darnos a coñecer queremos organizar un concerto en Broña, ao atardecer, para que os asistentes poidan gozar da posta de sol, e unha sesión de cine ao aire libre», explicou Anxo Núñez. Engadiu que pretenden empezar con propostas que poidan levar a cabo con recursos propios para traballar, a medio prazo, nunha meta máis ambiciosa: «Aínda que polo de agora non podemos adiantar nada, si que temos algo grande previsto, unha actividade que buscaría incluso atraer a xente de fóra ao municipio de Outes».

Liña cultural

Aínda que non descartan traballar en outros eidos de cara ao futuro, a liña cultural e lúdica será o punto de partida de Arestora. «O que queremos é darlle aos veciños de Outes a oportunidade de vivir a rúa, pois semella que aquí a xente ven a comer e a durmir, pero nunca se ve ninguén por fóra das casas e dos bares. Non hai vida ao aire libre», manifestou Núñez. Saben que os comezos sempre son duros, pero teñen referentes próximos que lles serven de guía: «EuSonMazaricos é para nós un exemplo a seguir. Aínda que a promoción do turismo non está dentro dos obxectivos que nos marcamos, si que aspiramos a ser igual de funcionais que dita entidade».

Os fundadores de Arestora recoñecen que son un grupo de amigos con inquedanzas comúns, pero sinalan que a asociación está aberta a todo aquel que desexe sumarse, ben sexa entrando a formar parte do equipo de traballo ou sinxelamente apoiando as propostas mediante a participación nas actividades que se leven a cabo. Os mozos argumentan que o seu fin é abranguer un abano amplo de público: «Pensamos que podemos atraer a veciños de entre 16 e 30 anos, aproximadamente», apuntou o voceiro da entidade.

Coma un proxecto ambicioso sen data de remate se presenta Arestora, que xa se promociona nas redes sociais para que ninguén en Outes descoñeza a existencia da que pretende ser unha nova ventá aberta a todos aqueles que ansían alternativas nos eidos cultural e lúdico. Gañas e ilusión son polo de agora as armas que ten este grupo de mozos para tratar de conseguir os seus obxectivos. No horizonte está a idea de formar un batallón de veciños dispostos a vivir e gozar no seu municipio.