A comodidade no vestir

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

01 jul 2017 . Actualizado a las 21:36 h.

matalobos

Cando aquel ministro nipón (os xaponeses sempre tan prácticos) se presentou sen garabata no despacho e apagou o aire acondicionado, foron moitos os concidadáns que seguiron a súa norma. Xa estaba ben de facer o ridículo por seguir as modas occidentais, eles precisamente, que inventaron o quimono e as casas de papel. Non pode ser que un esquimó vista igual ca un marroquí, dicían. A uniformidade no vestir é un anacronismo, non só entre países, senón tamén entre estacións ó largo do ano, e así o proclamou tamén aquel ministro noso, Miguel Sebastián, aguantando a rifa do señor Bono, presidente do Congreso, contrario ós desgarabateados porque non entendía que tiña que ver unha garabata con reducir o consumo eléctrico no verán.

Un, que xa ten anos e aínda non perdeu a memoria, lembra cando se inauguraron as primeiras Cortes democráticas e os cortesáns, deputados e outros cidadáns temían que non se respectasen as normas no vestir que debían prevalecer nas dúas cámaras, e todos quedaron tranquilos cando Felipe trocou a chaqueta de pana polo traxe con garabata, que desde aquela era case unha imposición. Incluso na empresa privada, o máis que se podía facer para contrariar ós xefes era sacala en canto se abandonaba a oficina; expoñéndose (iso si) a ser recriminados por non respectar a imaxe da compañía, ou a que se restrinxisen os ascensos ós de pescozo aberto.

O certo é que por aquel entón, e xa antes do cambio de século, estaba moi estendido o costume de regalarlle garabatas ós empregados. Esa democratización da garabata. Pero cando os xaponeses trocaron aquela norma no vestir, e máis aínda cando o ministro Sebastián demostrou que coa súa rebeldía garabateira o ministerio aforrara un cuarto de millón de euros en electricidade nun ano, ata os deputados máis conservadores do noso país empezaron a por en dubida as opinións do curmán do señor Rajoy, cando dicía que o aire acondicionado non lle fai mal a ninguén. E iso que ó principio parecía unha excentricidade, confirmouse como un acto de solidariedade cos efectos do cambio climático; e ata se criticou ó señor Iglesias, don Pablo, por ir con garabata ó Congreso. Moi fea por certo, e levada sen estilo. (A falta de costume).

Certamente, a roupa é algo máis ca unha cubrición do corpo. E esta ola de calor que vimos de sufrir axudounos a comprender o maltratados que somos con respecto da vestimenta cando esta se converte na imaxe a proxectar e non na comodidade no andar, cando se lle dá máis importancia á aparencia que á eficacia, non só da persoa senón tamén da empresa. Vímolo neses traballadores franceses a quen se lles prohibe levar roupas máis frescas ó choio en plena canícula, e se rebelaron trocando as bermudas prohibidas por unhas saias de muller. E aí xa doe, porque os que mandan poden ser acusados de machistas, de discriminación sexual ou algo semellante, que se ben non se pode levar pantalón curto, nada se atreven a dicir contra saias e vestidos.

Por certo, xa quedan poucas empresas con tan arcaico pensamento, e as máis modernas compañías, non só recomendan o uso de roupas máis informais, ou máis naturais, ou máis cómodas, senón que ata fomentan o seu uso no afán por amosarse máis en sintonía coas esixencias climáticas de cada momento, e onde antes nos regalaban garabatas agora regalan camisetas.