Idiotas

XABIER l. MARQUÉS

BARBANZA

30 jun 2017 . Actualizado a las 11:32 h.

Nin sodes Basquiat, nin Banksy, nin Dubuffet, nin os grafiteiros de Pompeia, nin sequera herdeiros de Pepito Meijón quen, alá polos anos 60, dedicábase a garabatar todas as rochas entre Portocelo e Mogor, imitando a singulariedade dos petróglifos prehistóricos. Non! E eu atópome coa dificultade de achar un cualificativo que vos defina positivamente co fin de comprendervos. E vénme á mente «idiotas», idiota como concepto que evoluíu de persoa normal e corrente a «persoa sen educación ou ignorante». Obvio, á mantenta, o concepto que empregan os médicos: «retraso mental profundo», porque coñezo persoas con idiocia dunha bondade indescriptíbel. Mais uns idiotas coma vós non o entenderiades (que ben senta vos ter asignado un nome...). Idiotas! Profundos ignorantes! O pozo da ignorancia non ten medida. Unha caída nel é interminábel...

E, que é o que resulta tan noxento da vosa excrecencia gráfica? A carraxe polos negros? A consideración de que un ser morto de fame é despreciábel? Haberá que vos explicar o que calquera persoa con sentidiño nin discute? Para que! Vós seguide a crer todo o que queirades. Tanto ten! O que realmente dá noxo é a ausencia total de conciencia da vosa propia condición. E iso, crédeme, resulta aterrecedor porque vos converte en animais que, na súa vida, só se moverán na procura da comida cando estean «mortos de fame». A diferenza cos «negros», os que vós insultades, é que eles non son animais. Vós, si. Velaí a vosa traxedia! E a nosa!