Rituais

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

lingua proletaria francisco ant. vidal

Contrariamente ó que nos contan, os romanos aceptaban moi facilmente a importación de deuses foráneos, o que non admitían era a imposición. Tiveron problemas para aceptar nun primeiro momento a introdución da Isis exipcia que acabou sendo unha das maiores deidades do imperio, e declaráronlle a guerra á rama cristiá dos xudeus porque entraban como energúmenos nos templos rachando coas imaxes dos ídolos de toda a vida. E a cousa iría de mal en peor se homes como Martín de Tours non recomendasen a cristianización dos ritos e lugares de culto máis antigos con métodos de concordia, así temos agora capelas e santuarios ó carón de mámoas e castros, lavámonos coas herbas solsticiais das que xa falaba Plinio e onde antes se admitía un só e único Deus agora hai miles de santos que interveñen nas cousas da vida como interviñan Ceres, Ares ou Venus, porque ningunha relixión é eterna e todas evolucionan e se adaptan ás necesidades de cada lugar.

Só é cuestión de ver a eficacia das novas divindades, tantas veces amparadas por lendas mellor elaboradas, como ocorreu durante a peste do século XIV, cando san Sebastián, o avogoso de toda a vida, foi relegado en favor de san Roque, un santo máis moderno e supostamente máis eficaz contra aquel andazo que acabou con un terzo da poboación europea. Coma sempre, cando se descoñece a cura apélase ó milagre, pero este non só se busca dentro da relixiosidade oficial, senón tamén en fórmulas para as que o doente, necesitado ou penitente non vai mirar os sinais de identidade nin a credibilidade empírica. Ante a necesidade só se busca que, sexa por Deus ou polo demo, o seu mal teña cura.

Agora veño de saber que nesta era da tecnoloxía, cando a análise dos feitos debería poñerlle freo á superstición e limitar o timo ós incautos, cada pouco aparecen os restos de rituais foráneos que seguramente acabarán sumando adeptos, crentes e clientes, só é necesario que a casualidade asociada amose un suposto logro. Aí andan, segundo lemos na prensa, galiñas evisceradas, cigarros a medio fumar e botellas de licor repartidas con certo xeito para atraer o favor dalgunha deidade que aínda non ten santuario na nosa terra, á espera de que se publicite algún portento para que empecen a converterse en lugar de culto as pedras do monte, e onde antes se gastaba cera e se consagraba o viño agora descabecen galiñas e se fumen puros. Rituais nos que se mestura a fe coa necesidade de ter algo a que agarrarse cando a desventura nos oprime.