A xustiza

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

06 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu, como vítima -igual que moitos- dalgunha sentencia inxusta ditada por algún arbitrario xuíz como consecuencia do desastroso funcionamento do noso sistema xudicial, decátome do estado de ánimo en que debe estar Rajoy por ter que declarar en persoa e, aínda que tamén penso que é un exceso innecesario, vai beber algo do seu propio veleno como se das 68 maldicións que figuran na Biblia se tratara, sendo unha das máis horrendas a morte de miles de persoas inocentes asasinadas nos ventres das súas nais e que el tivo a ocasión, cando menos, de minimizar nos seus xustos termos. A min, como a Gallardón, tamén me dan asco os motivos polos que se retirou a lei do aborto. Hai certos pecados que Deus non perdoa.

Pero en España non soamente hai abortos senón moitos preitos civís e causas criminais, conflitos laborais, contenciosos administrativos, etcétera. De feito, a organización xudicial española é das máis complexas do mundo. Así temos que, ademais dos inútiles de paz, algúns xulgados aséntanse nalgúns municipios (casos de Ribeira, Noia e Muros), nas provincias (Audiencia de A Coruña) e as comunidades autónomas (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), mentres que outros concellos conforman os partidos xudiciais (caso de Noia). Logo están os tribunais de apelación (Supremo, Audiencia Nacional, Tribunal Constitucional...).

E todo isto está dirixido por non se sabe quen e gobernado por un Consello Xeral do Poder Xudicial nomeado e controlado polo poder político, do mesmo xeito que as fiscalías. Cando academos corrixir este galimatías máis da metade dos problemas deste país estarán arranxados.