Pel de cerva

X.M. Lobato ACASOS

BARBANZA

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Camiñar devagar, para tentar auscultar as mensaxes que transmite sen estridencias a serra da Barbanza, unha serra brava e solitaria que goza dunha panorámica sen parangón. 

Percorrer estas sendas é un exercicio físico esixente, mais o esforzo ben merece o tributo coa senlleira romana, a compensación supera calquera esgotamento.

Nesta paraxe indómita, cantada e trobada polo Atlántico, as distancias son exclusivas e non posúen etiquetas de exactitude. Porén os atrancos e dificultades están sempre presentes dificultando o avance.

Ante a escasa presenza do ser humano, o dominio do territorio é unha exclusividade da escasa flora e fauna, ambas mutiladas polos lumes sucesivos que se repiten sen que ninguén faga nada. As queimas son as que impiden que esta paraxe sexa o universo dourado de infinidade de especies; hoxe podemos imaxinalas, crealas no noso maxín, mesmo visualizalas dende un estadio de alucinación permanente.

Desvarío que insiste en agarimar co caxato; uces, xestas, carrascos, toxos... así como calquera outro morador nativo, seres de espírito libre e ánima ventureira chamuscados reiteradamente sen compaixón.

Nesa atalaia ideal posible, aínda que evitada con aleivosía, nesta época serían os pétalos das cerdeiras de Santa Lucía as que se arrolan no ar, e se perciben felices no seu derradeiro voo: elas forman esa ofrenda floral aos centenarios carreiros que forman un labirinto sen fin de branca pureza.

Unha alfombra decorada por varias especies de orquídeas salvaxes de fermosura única, e neste decorado floral os grilos ananos compiten por acadar o mellor recuncho.

Bucólico lugar, un camiño para andar e de súpeto encontrar a crúa realidade. Sobre esta alfombra floral, entre estilizadas orquídeas xace o corpo dunha cerva abatida na súa esplendorosa madurez.

Degolada, agarda a ser devorada na súa totalidade, un tributo excesivo, posiblemente moi inxusto, aínda que a sabia natura sempre ten razóns. Mais a razón de vivir para morrer non sempre se entende. No entanto, nesta travesía, a realidade contemplada supera calquera ficción de maquiavélica arte.