Un torrente infindo de ideas creativas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Mestre de música, tanto se pón na pel de ilustres escritores como realiza orixinais intervencións na rúa

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai en Barbanza un artista polifacético, ese é Serafín Marcos (Noia, 1963), unha persoa que tanto espalla a semente musical impartindo clases no conservatorio como se pón na pel de recoñecidos escritores para divulgar a súa obra entre as novas xeracións. Ao noiés hai que aplicarlle tamén os cualificativos de orixinal e creativo. Poucos coma el son capaces de instalar o seu cuarto de estar nunha praza pública ou de converter as follas secas dunha planta en obras de arte. E advirte de que o seu torrente de ideas non ten de momento visos de verse afectado pola seca.

Serafín Marcos ten o corazón dividido entre a música e a interpretación, aínda que se tivera que escoller, asegura sen dúbida algunha que se decantaría pola segunda. Xa cando estaba estudando a especialidade de guitarra no Conservatorio Superior de Santiago, o noiés se subía aos escenarios con Matarile, unha paixón que tivo que aparcar cando se mergullou no eido laboral. Ao longo dunha tempada, compaxinou as clases nos conservatorios de Ribeira e Noia, para quedarse logo na escola da súa terra. Recoñece que Bob Dylan é o responsable de que a música sexa o seu medio de vida: «Con el sentín unha das emocións que non experimentei con outra cousa na vida, mesmo sen saber o significado daquelas letras. Eu chámolle vibración por simpatía».

Desde Avilés a Casares

A música é a súa profesión, pero a gran vocación de Serafín Marcos xira ao redor do teatro e do cine. Recoñece que se algunha destas actividades lle resultara rendible economicamente, cambiaría de traballo sen pensalo, seguro de que nos seus espectáculos incluiría unha parte sonora. Así o fai, de feito, en boa parte das montaxes que ven realizando desde hai 14 anos, cando puxo en marcha unha iniciativa para renderlle homenaxe a Antón Avilés de Taramancos que, co paso do tempo, acadou gran transcendencia.

Desde entón, este noiés pónse cada ano na pel dos escritores distinguidos polo Día das Letras Galegas para espallar a súa figura e a súa obra. Cando remate o mes de xuño, terá sumado preto de medio cento de funcións con Carlos Casares como protagonista e xa terá que empezar a pensar no seguinte espectáculo: «Este proxecto é o máis importante que teño entre mans a nivel interpretativo. Ocúpame case todo o ano, xa que empezo a documentarme en canto se coñece o nome do autor elixido pola Real Academia Galega, un proceso que me leva ata o Nadal, e logo teño que preparar a función».

Asegura que cada escritor ten a súa historia e todas son susceptibles de levar ás táboas, pero recoñece que hai un polo que sinte debilidade e ao que lle gustaría ter que representar: «Pepe Agrelo, con el pasei tempadas da infancia e téñolle gran cariño».

Á procura de pixamas

Estas funcións, que se están a realizar da man da editorial Galaxia, levan o nome de Serafín Marcos máis alá das fronteiras de Barbanza, pero na casa, o artista gañouse a fama que ten a golpe de creativas intervencións artísticas: «Encántame sorprender á xente na rúa». Lembra, con especial agarimo, aquela fin de semana na que converteu a praza do Cantón nunha sala de estar, con televisión e sofá incluídos: «Estiven dous anos recollendo alfombras, pero foi unha experiencia fermosa». Anteriormente, montara no mesmo lugar un tendedeiro: «Aquel cheiro a frescor e a limpeza chamou a atención».

Mesmo ten no seu currículo unha intervención relativamente recente que non pode desvelar: «Non sei se pode constituír un delito, así que me limitei a documentala. Cando pase o tempo seguro que a conto». E, como non, hai un proxecto sobresaíndo no seu torrente de ideas: «Polo de agora só podo dicir que preciso 200 metros lineais de pixamiñas de bebé, dos que son de corpo enteiro».

Estas iniciativas, polo que algún que outro seguro que o ten etiquetado de tolo, son para o noiés do máis normal: «Seguro que a moita xente lle gustaría facelas, pero o problema é que non se atreve». Nin sequera se considera extravagante por montar un posto co fin de vender as follas secas dunha planta argumentando que se trata de obras de arte: «O mérito non é saír á rúa a vendelas, o mérito é conseguir que haxa persoas que paguen por elas».