Pérez Queiruga, un ribeirense que sementou o mellor de si


Lembro o seu correr impetuoso, o seu respirar apurado de home que non ten tempo que perder, o suor esvarando pola súa fronte ata chegar á orella dereita. Aquela gota pasaba entón a ser aire e a converterse na esencia que permite que a vida sexa un milagre cada día. Ricardo Pérez Queiruga, ex de tantas cousas, nunca renunciou a ser el mesmo. Por riba de calquera responsabilidade que lle tocou afrontar, nunca renegou de ser esposo, pai e cidadán de Ribeira. Entregouse á súa familia da maneira que el sabía.

Nacer en Ribeira marca. Se a paisaxe na que nacemos nos inflúe no carácter e na forma de relacionarnos co mundo, non podía deixar indiferente ao vello mestre. Presumía orgulloso de onde era e explicaba con detalle onde se situaba este concello galego onde o Atlántico se converte en ría e o río entra na terra debuxando sucos infindos. Contaba como o cuco canta en Frións, a pega berra en Castiñeiras, o corvo gralla en Corrubedo, o pino manso medra en Palmeira, a serpe repta pola Garita, o raposo corre polo monte da Cidade para vixiar a Casanlobo, Gude e Artes, o falcón se fai dono dos ceos de Aguiño e como as dunas gardan no seu interior a Cidade de Valverde onde nas noites de inverno se escoitan as campás para avisar de que os mouros a están invadindo.

O alcalde de todos e todas vaise na primavera para ser semente. Unha semente que agromará nun froito novo. A moi poucos dáselles esa oportunidade. Desde o alto de San Roque expandirase unha parte do seu pensamento que será custodiado polos seus fillos. Unha grande responsabilidade para as xeracións actuais e futuras.

Hai tempo que pasou a formar parte desa clase de persoas que se elevaban a medida que ían gañando en idade. Moitos podemos estar en desacordo con algunhas das medidas que adoptou na súa época de goberno. Quen subscribe é un deles, xa que foi directamente afectado por unha medida irracional apoiada polo daquela arquitecto técnico do Concello de infausto recordo. Sen embargo, a amizade nunca se cortaría. Tamén houbo oportunidades de compartir responsabilidades nunha época de goberno na Xunta de Galicia, cando foi deputado autonómico. Sen ningunha dúbida, pódese dicir que Ribeira, Galicia e España estaban impregnadas no seu ADN a sangue e lume.

Fraga Iribarne considerouno amigo persoal e soubo que el nunca o traizoaría cando lle viñeron mal dadas. De feito, estivo no congreso do PP en Sevilla, aquel no que Aznar se converteu en presidente, acompañado polo entrañable hostaleiro Manuel Martínez Parga. Daquela, avariárase o Volvo do presidente da Xunta de Galicia e presentárase voluntario para prestarlle o seu Lancia: «Haberaos máis caros, don Manuel, pero non sei se máis seguros e máis rápidos».

Xa lonxe do exercicio público, converteuse nun fino analista da actualidade política. Lector interesado, conversador infatigable, apostou por ser veciño da súa vila, aquela que non o esquecerá e onde sementou o mellor de si.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pérez Queiruga, un ribeirense que sementou o mellor de si