Pos-corrupción

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

09 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Naquel pleno debatíase se as escolas infantís debían xestionarse por concesión a unha empresa ou directamente polo concello. A dereita decantábase polo primeiro, xa que saía máis barato e funcionaría mellor. A esquerda, por asumir as competencias, xa que, aínda custando máis, prestarían un mellor servizo e, ademais, sairían gañando xa que recibirían unha subvención da consellería. Fai tempo escoitei a Fernando Savater dicir que estaba máis preocupado pola xestión da pos-corrupción española que pola corrupción mesma. Non entendera moi ben o axioma do filósofo vasco ata o día dese pleno.

Supoño que se xa eramos moitos os convencidos de que o réxime foral de Euskadi e Navarra foi un dos grandes erros da Constitución, agora non caberán dúbidas despois da negociación dos orzamentos deste exercicio. ¡Cacho talladas se levan vascos e canarios! Estou imaxinando as vísceras de Albert Rivera tendo que asumir esta chantaxe que non se produciría se houbese un PSOE responsable, pero que leva a mesma deriva que o da Pobra seguindo a auto-destrución do socialismo de Barbanza-Muros-Noia, outrora hexemónico.

En España temos, entre outros, dous problemas fundamentais, a esquerda e os nacionalismos. Destes últimos xa o sabemos case todo, pero da esquerda sábese moi pouco, xa que anda disfrazada poñéndolle os cornos a unha dereita falsaria. ¿Escolas concertadas? ¡Non! Perderiamos o control dos educandos. ¿O cheque sanitario? ¡Non! Perderiamos o control dos enfermos. Pero, ¿de onde saen tantos votos esquerdosos? Dos que maman do sector público ata que rebente.