Orgullo boirés

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

08 may 2017 . Actualizado a las 10:49 h.

Aínda lembro como non hai tanto algún compañeiro musical doutras zonas do Barbanza me dicía con algo de mala idea: «En Boiro só tendes mexillóns e bares». Mais as cousas mudaron nos últimos lustros. A pasada semana foi un momento irrepetíbel para a cultura boirense. Aos galardóns para A Pousada das Ánimas (xa tardaba); para as xa non tan pequenas Agoraphobia, e para a marabillosa voz de Sonia Levedynski nos premios Martín Códax, hai que sumar outra meritoria distinción para o xornalista Xosé Hermida no Premio José Couso por facer un periodismo digno do seu nome.

Non podo máis que sentir orgullo por esta xente que fai grande o nome do noso fogar. Aparte dos premiados esta semana, en Boiro temos tamén a Trini Silva (unha maquilladora que colecciona María Casares e Mestre Mateo); a Marta Ríos (magnífica actriz con outro Casares); a Steven Rebollido, un crack do son que arrasa nos USA; a Diego García, un talentosísimo director de orquestra… centos de quilates de xenio recoñecido ou por recoñecer.

Son tantos e tantas que non podo nomealos a todos sen facer unha listaxe, pero está claro que houbo un momento en que, dun xeito ou outro, neste pobo plantouse unha semente que rematou por xerminar… É unha mágoa que xa non hai nas institucións interese por replantar.

Temos entre nós moita máis xente sen galardóns nin recoñecementos, pero que está a vivir por e para a súa arte. Eu, que teño a fortuna de compartir estadía neste mundo con moitos deles, podo asegurarlles que aínda que a quixeran cortar de raíz, a cultura boiresa e imparable.