Fráxil convivencia

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos estereotipos máis estendidos de Galicia é que aquí se mata por un marco. Como todos os estereotipos, é erróneo, unha esaxeración e adoita explicar máis sobre quen o usa que sobre os aludidos. Pero ten que ver cunha determinada visión do campo, ese lugar no que viven «uns indíxenas un pouco incultos pero iso, si, moi tranquilos». Iso da tranquilidade é outra. Agora, en Semana Santa, moita xente fará unha escapada para descansar coa visión do campo dócil e silencioso.

Claro, o campo é tranquilo, é quietude e paz... se ti non es propietario. Porque como sexas propietario, a cousa cambia. Porque no campo a herba medra. O cabalo do veciño métese por unha parte fendida do valado. Especialmente agora, na primavera, cando ves todos os días que o campo vólvese unha especie de touro salvaxe que non rematas nunca de rozar.

O campo é tan quieto coma un rato metido nunha gaiola. E agora, imaxinémonos un labrador de aldea con dez leiras -unha cifra habitual-, e cada unha delas coas súas circunstancias, os seus veciños, a súa traída de augas, pistas rurais, etcétera.

Así que é un auténtico milagre, queridos, que non haxa máis mortes por marcos. O característico do noso rural (ou ese mundo intermedio que é a nosa comarca, nin rural nin urbana) é precisamente o contrario. A diplomacia vaticana, ou veneciana, é novata comparada con como se administran as tensións nalgunha das nosas parroquias, con sabedoría e prudencia. Por iso me solidarizo cos veciños da Ponte Barbanza e a súa inmensa paciencia.