O premio Antón Avilés bota a rodar cara ao Día das Letras

BARBANZA

cedida

O autor da obra vencedora recibirá 3.000 euros e o seu relato de aventuras será publicado por Toxosoutos

07 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que aínda quedan algo máis de dous meses para a celebración do Día das Letras Galegas, en Barbanza xa botaron a rodar varias iniciativas para a súa conmemoración. Entre elas, a do certame literario Antón Avilés de Taramancos, convocado polo Concello de Noia coa colaboración da Deputación e do IES Virxe do Mar.

O galardón que recoñece o mellor relato de aventuras en galego mantén, un ano máis, a súa dotación, unha das máis altas dentro dos certames literarios da comarca, por outra banda. Así, establécese un único premio de 3.000 euros para o autor da obra gañadora, quen ademais recibirá a xa tradicional escultura do artista noiés Alfonso Costa como trofeo e verá publicado o seu traballo da man da Editorial Toxosoutos.

Poden presentarse ao certame persoas de 18 ou máis anos -de calquera nacionalidade- cun relato de aventuras inédito escrito en galego. A obra, cunha extensión de entre 70.000 e 100.000 carácteres, debe presentarse por cuadruplicado sen firma e empregando o sistema de plica antes do día 7 de abril.

O xurado, composto por un representante do goberno local, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar e outras tres persoas de nomeado prestixio no eido das letras galegas, dará a coñecer o seu faio o 19 de maio.

Olimpíada de A Cachada

Tamén co ánimo de impulsar o galego entre os máis novos e facelo a través das canles que lles son máis próximas, como poden ser os medios audiovisuais ou as novas tecnoloxías, no instituto boirense de A Cachada comezan a definir a segunda edición da olimpíada que levarán a cabo na véspera das Letras Galegas entre os distintos centros de secundaria de Galicia.

Como novidades desta edición, adiantan dende o instituto boirense que vén de ser premiado por esta mesma iniciativa nun concurso sobre innovación educativa, este ano haberá máis dunha categoría para que os rapaces de primaria e os de ESO compitan en igualdade de condicións.

Ademais, poranse en xogo diversos premios para incentivar a participación dos estudantes de toda a comunidade galega.