Sesenta caretas solidarias engalanan 25 tendas e locais hostaleiros de Santa Uxía
25 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A cidade ribeirense ten desde hai uns días un anaquiño do entroido veneciano. Polas súas rúas non desfilan glamurosos traxes de época e as súas xentes non cobren os ollos con refinados antefaces, pero nos escaparates de algunhas tendas e no interior de varios locais hostaleiros ocupan un lugar privilexiado máscaras que fan que a imaxinación voe ata a cidade das canles. Aínda que pola calidade e orixinalidade destas caretas podería pensarse que chegaron directamente de Italia, o certo é que foron feitas en Santa Uxía. Cada unha destas pezas representa unha batalla dunha loita constante. Cando sexan retiradas, con elas irase un anaquiño da memoria dos seus autores.
As singulares máscaras que contribúen a espallar o ambiente carnavaleiro polas rúas de Ribeira saíron dunha fábrica moi especial, da unidade terapéutica posta en marcha por Agadea para o coidado de persoas con deterioro cognitivo. Este servizo entrou en funcionamento en decembro do 2015, como complemento do centro de día que xestiona a mesma entidade e que conta con prazas insuficientes para atender a elevada demanda de usuarios. A idea era devolverlle a comerciantes e hostaleiros o bo trato que sempre lle dispensan a este colectivo: «Queriamos levar a cabo unha iniciativa solidaria e ocorréusenos facer algo para engalanar os establecementos», explica Noelia Riaño, directora do centro de día e coordinadora da unidade terapéutica.
A iniciativa espertou, como non podía ser de outro xeito, o interese de comerciantes e hostaleiros. Foron 25 os que, a través de Viamare, se prestaron a lucir unhas máscaras que non deixan de seren enxalzadas polos clientes. Son 60 as caretas que hai espalladas pola cidade e, cada unha delas, é unha pequena mostra do esforzo que a diario realizan trinta persoas mergulladas nunha guerra contra o esquecemento. Nesta ocasión, as armas empregadas foron témperas, rotuladores, flores, plumas, brillantina, telas, cascabeis…
Interacción coa comunidade
Pode que estes artistas perdan a batalla, pero non cabe dúbida de que superaron con éxito o reto que se marcaron: «Buscabamos unha interacción coa comunidade, demostrar que as persoas con deterioro cognitivo son quen de levar adiante iniciativas que contribúan ao ben común», manifesta Noelia Riaño. Esta non é primeira vez que os usuarios da unidade terapéutica de Agadea realizan unha experiencia deste tipo. Con anterioridade, no marco do proxecto A memoria está nos bicos, elaboraron etiquetas, marcapáxinas e pousavasos que tamén foron a parar a tendas, bares e librarías da cidade.
E, vista a expectación que están a esperar as máscaras, todo indica que non será a única proposta que o servizo lle brinde ao ribeirenses. «A boa acollida que está a ter a iniciativa dános moitos ánimos de cara ao futuro e, loxicamente, empúxanos a seguir traballando nesta liña», comenta a coordinadora da unidade. Engade que tamén para os propios usuarios, a actividade resultou altamente satisfactoria: «Para eles foi un orgullo ir aos distintos negocios a entregar as máscaras, como o é pasear agora pola cidade cos familiares e ver os seus traballos expostos ao público».
Ao longo das últimas semanas, os usuarios da unidade terapéutica de Ribeira tamén pasaron as horas entre agullas e fío, tecendo bufandas que en breve lle serán entregadas á Cruz Vermella para que as faga chegar ás persoas necesitadas do municipio. Con estes xestos, os veciños con problemas de deterioro cognitivo séntense de novo útiles, ao tempo que a sociedade é cada vez máis consciente dunha loita que non vai parar.