Recoñezo que eu non son moi entroideiro. Pásame coma esa máxima que sempre conta Tucho, o do bar Plaza de Ribeira: «Tomo mencía en público pero Rioxa ás agachadas».
Así que como bo amante e defensor das tradicións culturais do país, defendo en público o entroido pero despois debo recoñecer que teñen lugar outras festividades que tiran máis de min. O outro día, pola contra, en Chantada puiden gozar do hipnótico entroido de Santiago de Arriba (sons metálicos, chocas, cores, saltos) e quedei verdadeiramente fascinado. Non puiden menos que lembrar os meus entroidos en San Lázaro, na Pobra do Caramiñal.
As nosas figuras entroidescas son eminentemente prácticas: nin cigarróns, nin pantallas. Os nosos choqueiros vístense do que hai nese baúl vello do faiado, e ala, a comer filloas de casa en casa, sempre cun punto ameazante coma o do Halloween anglosaxón.
Si lembro a insistencia da miña avoa en que levara un bastón. Esa precaución debía vir de que, se cadra décadas atrás, ser choqueiro era un asunto máis arriscado que hoxe en día. O día que máis risco corrín foi cando me disfracei de gato e ao pobre de Nerón, un mastín boíño da casa de Jacobo, se lle cruzaron os cabos e botouse a min.
A pregunta é se nalgún momento os entroidos barbanceses terían figuras de seu e una pantomima sofisticada coma o dos nosos irmáns ourensáns? Teremos perdido nas ondas do tempo estas vellas figuras da nosa cultura?
Estou convencido de que unha investigación minuciosa cos máis vellos puidera darnos algunhas sorpresas neste senso.