«Trátase de devolverlle a vida ás prazas que esmorecían»

a. parada / a. novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os comerciantes do mercado municipal decidiron volver a xuntarse nun colectivo, despois de anos de inactividade

04 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nardo Mariño é o nome do novo presidente da Asociación Praza de Abastos de Ribeira, un colectivo que xa existira no seu día e que agora se retoma para integrarse na Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), sendo a única da nosa comarca que pertence a ese conxunto. O responsable de coordinar esta continuidade abordou ante os micrófonos de Radio Voz Barbanza as principais liñas de actuación do ente ribeirense.

-¿Cando se crea a nova asociación e que motivou que non continuase a anterior?

-Comezamos de novo este ano, no mes de xaneiro, pero a idea parte do anterior. Cando estivemos na carpa provisional xa tiñamos a idea de reconstituír a asociación. Ao volver ao novo mercado decidimos que chegara o momento de facelo.

-¿Cantos membros compoñen a asociación e con que obxectivos se retoma esta?

-Preto de 28 persoas. Nós estamos dentro dunha federación de prazas [Fepragal], na que somos 17 mercados e dende alí marcamos os obxectivos. Hoxe mesmo temos unha reunión coa responsable da federación para abordalas directrices a seguir. Barallamos realizar sorteos e publicidade, de feito xa fixemos unha revista para darnos a coñecer.

-Son os únicos da comarca en adherirse a Fepragal, ¿cal é o motivo da súa integración?

-Si, é certo que da comarca só estamos nós. Cando inauguramos a nova praza, a responsable achegouse ata Ribeira e fíxonos a proposición. Tras reunirnos con ela e valoralo entre todos, decidimos que era unha boa opción. Ademais, falamos da experiencia doutras prazas, xa integradas, como as de Moaña e Padrón. Están moi contentos polo número de proxectos realizados ao longo do ano en cada praza.

-¿Que tipo de eventos adoita realizar esta federación?

-Por exemplo, o ano pasado colocáronse debuxos de nenos e os pais acudiron a velos. Realizar actos no mercado é unha boa forma de atraer a un público de carácter máis mozo.

-¿En que consistiu a reportaxe publicitaria conxunta?

-Recolle unha evolución dende a primeira praza que ingresou ata a nosa. Non se trata só de darnos a coñecer. Trátase de devolverlle a vida ás prazas que esmorecían. O obxectivo é que entren máis prazas na federación e para o ano xa se está a falar de que o farán un par delas máis.

-¿Hai algunha novidade ao respecto dos dous roubos acontecidos en menos de cinco días?

-Estamos preocupados porque non volva a suceder. Non sabemos nin por onde entraron nin como, ata chegamos a pensar que tiñan unha copia das chaves, pero xa cambiamos a fechadura. Afortunadamente, só se levaron pequenas cantidades que tiñamos para cambio.