Usuarios da unidade de drogodependentes de Ribeira colaboran na restauración da embarcación; a cambio, poderán saír a navegar nesta ou noutras dornas da Cofradía
03 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Naceu con fins eminentemente benéficos e, dun tempo a esta parte, os patróns da Real e Ilustre Cofradía da Dorna tratan de potenciar a solidariedade en cada singradura; iso si, sen esquecer que a ruta vai sempre encamiñada cara a gran semana de festas en Ribeira. Unha cea e un campionato deportivo para recadar fondos son citas fixas na axenda das peñas, pero a entidade ven de dar un paso importante a prol da integración: a sinatura dun convenio de colaboración coa Unidade de Asistencia a Drogodependentes (UAD) de Ribeira. Os froitos desta alianza xa empezan a ser visibles.
Aínda que o acordo nace co obxectivo de prolongarse no tempo, nestes intres un grupo de usuarios da UAD están a colaborar coa Real e Ilustre na restauración da Jalerna. Esta embarcación saíu hai dúas décadas do estaleiro de Domingos Ayaso, situado en Aguiño. Foi un encargo da Cofradía, que quería ampliar a súa flota, formada por aquel entón pola Nai, que aínda hoxe suca as augas, e pola Arroutada, xa desaparecida. Pero o paso do tempo e o envite das ondas, aínda que sexan as da tranquila ría de Arousa, foron deixando a súa pegada no casco desta dorna, que hai uns días cambiou o peirao de Santa Uxía por unha nave de Xarás.
Foi nunha conversa informal na que xurdiu a idea de asinar este convenio: «Un membro da Real e Ilustre comentoulle a posibilidade de levar a cabo actividades conxuntas a unha traballadora da UAD e ese foi o xermolo. Nun primeiro momento, o obxectivo era que os usuarios deste centro tiveran ocasión de navegar nas dornas da Cofradía, pero como a Jalerna tiña necesidade dun lavado de cara en profundidade, consideramos que tamén eles podían colaborar desde o obradoiro de carpintería», explica o presidente da entidade, Narciso Fernández.
«A Patiño», próximo reto
E agora que o aspecto desta dorna, que a Real e Ilustre confía en botar o vindeiro 17 de maio no marco dunha gran festa das Letras Galegas, está mellorando substancialmente, hai xa outros plans enriba da mesa para encher de contido o convenio asinado. Un dos máis inmediatos pasa porque os usuarios da UAD participen na restauración e adaptación para a navegación a vela da Patiño, unha embarcación que lle foi doada á entidade hai tres anos, pero que aínda non está en condicións de realizar singraduras.
«Con estas iniciativas queremos poñer a énfase nunha das vertentes da Real e Ilustre, que é o fomento da cultura tradicional e a recuperación da navegación a vela», sinala o presidente da asociación. De feito, as dornas da Cofradía están xa a disposición dos usuarios da UAD e houbo incluso un par deles que xa probaron a experiencia de sucar a ría nunha dorna. Narciso Fernández engade que outro dos obxectivos é conseguir que estes mozos, que a priori atopan dificultades para acceder ao mercado laboral, teñan ocasión de adquirir experiencia nun eido profesional moi vinculado a Barbanza: «A este lado da ría xa case non quedan carpinteiros de ribeira, polo que esta podería converterse nunha opción laboral para algúns destes veciños».
Nesta loita continua por potenciar a cultura marítima tradicional, a Real e Ilustre invita a tódolos seus socios, un total de 1.200, a facer uso das embarcacións. Mesmo lle abre as portas a aqueles que non pertencen á gran familia dorneira: «Pode navegar con nos todo aquel que o desexe. Iso si, na segunda viaxe, os non socios teñen que pagar 10 euros». Esta é a cota anual que aboa cada socio.