X. Ricardo Losada
27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Por problemas no xeonllo, comprei unha bici de spinning. Púxena no salón, e dispúxenme a estreala cunha ilusión de xoguete novo que durou pouco. A pesar do deseño aerodinámico, e dos meus esforzos por buscar un ángulo analxésico nas nádegas, non había forma. O sillín cravábaseme no cu provocándome unha dor moi forte. Custoume o indicible aguantar dez minutos. Así que, tras consultar cos expertos, comprei un culote, un deses pantalóns de ciclista reforzado na zona cero da evacuación traseira.
En canto o probei pensei que aquilo non era para min. O culote recordoume a sensación que tiña de neno cando cagaba polo pantalón. Menos mal, pensei, que non é para andar. Quen me vería pasear escarranchado pola ruta do colesterol. A pesar desa primeira impresión, debo dicir que foi un éxito. O culote permitiume pedalear sen dor ningunha. Pero, por eses fenómenos paranormais que suceden en todas as casas, o culote desapareceu dun día para o outro. Busqueino obsesivamente, pero aínda hoxe non sei onde foi dar. O caso é que me neguei a comprar outro, e decidín abordar a bici de spinning coa mentalidade da miña nenez. Os homes temos cu, non pompis, e pór un culote é de covardes. E hoxe podo dicir con orgullo que, a pesar de que estiven moitos días a piques de tirar o sillín pola ventá, conseguín pedalear unha hora diaria cun pantalón fino de atletismo, sen bragueta!, e sen molestia ningunha.
Por iso agora, cada vez que subo á bici de spinning, pregúntome se non será verdade iso que din algúns críticos do capitalismo. Que, primeiro, crea o produto e, despois, a necesidade. Só así se explica a facilidade coa que me convenceron de que é imprescindible gastar 40 euros nun culote que non necesitaba para nada. E cando baixo da bici, orgulloso da pasta de home duro do meu cu, pregunto se non será verdade iso que din algúns filósofos: que non hai pracer sen dor, e que o pracer que procede da dor é sempre máis pracenteiro. Sei que non é o tipo máis prestixioso para convocar como testemuña, pero poño o meu cu como exemplo de que a resposta a cada unha desas preguntas é afirmativa.