Manuel Cartea postúlase para coller o mando

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O vicepresidente será proposto pola directiva para substituír a Xesús Laíño á fronte da asociación cultural

24 ene 2017 . Actualizado a las 15:59 h.

Venres • Auditorio de Rianxo • 19.30 horas • A asociación cultural Barbantia está mergullada no que será o terceiro proceso electoral da súa andaina, que comezou hai 12 anos. Despois de que Antón Riveiro Coello e Xesús Laíño se repartiran a partes iguais a presidencia ao longo de dito período, esgotando o tempo máximo que está recollido nos estatutos da entidade, toca afrontar cambios. A cita electoral está fixada para este venres, en Rianxo, e a xunta directiva proporá a Manuel Cartea para coller o mando do colectivo.

Experiencia para poñerse á fronte de Barbantia non lle falta a Cartea, posto que é un dos socios fundadores da entidade, na que leva exercendo de vicepresidente desde a súa posta en funcionamento. Nos últimos anos, compartiu esta responsabilidade con María Isabel Santos Davila. Ademais, é o coordinador de A Voz de Barbantia, o suplemento que a asociación cultural publica cada mes.

Unha vez ratificados os cambios na xunta directiva, avanzarase a programación de actos para este 2017, na que hai xa varias citas confirmadas. A primeira, o mesmo venres, ás 20.30 horas, chegará da man de Xosé Monteagudo, que presentará a novela Todo canto fomos no marco dos Actos Castelao que está levando a cabo o Concello de Rianxo. Intervirán tamén os escritores Xerardo Agrafoxo e Antón Riveiro Coello; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro; e o rexedor local, Adolfo Muíños. A proposta literaria incluirá unha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e unha intervención plástica co artesán Roberto Figueira.

«Crónicas de Venezuela»

A cita do derradeiro venres de febreiro está xa reservada para o boirense Alberto Piñeiro Bermúdez, que falará no centro social da localidade dun libro editado por el mesmo, Crónicas de Venezuela. A obra xorde a raíz da súa estancia no país suramericano, da que xa fora dando conta mediante pequenos artigos publicados en A Voz de Barbantia.

E en marzo, desprazarase ata a comarca barbancesa, concretamente ata a libraría Ler pobrense, Raúl Gómez Pato, que presentará Máscaras de espellos, un libro de poemas que foi editado por Espiral Maior. O cineasta e escritor Alberte Pagán collerá o relevo en abril. Desembarcará no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira con Percorridos por unha teoría do desexo, un conxunto de relatos que narran a historia dunha vida contada desde a madurez ata a infancia.

Para o 17 de maio, coincidindo coa Romaría das Letras, Barbantia convidou a Xaime Toxo, que falará do seu libro de relatos Protexer o invisible, editado por Ancoradoiro.

Aínda que o resto da axenda está por completar, nela figuran xa actos como a presentación do quinto Recompilatorio A Voz de Barbantia, que terá lugar o 30 de xuño en Ribeira; ou a entrega dos Sereos, fixada para o 16 de decembro.

A asociación ten previsto montar, xunto co Museo do Gravado de Artes, unha nova edición, a sétima, da exposición Barbantiarte; e quere tamén organizar un encontro cos escritores da comarca, creando un espazo de debate sobre la literatura.