A noticia do achado dun polisón morto a bordo dun buque pesqueiro atracado no peirao comercial da Pobra do Caramiñal, introduce nas nosas casas o drama dos movementos migratorios na procura, sempre do sur cara ao norte, dos paraísos intuídos. Como nación xeneticamente emigrante, asistimos, coido que con evidente desleixo, á traxedia que dende fai xa moitos, demasiados, anos sofren pobos en éxodo permanente, nomeadamente os de orixe africana. As causas son distintas aínda que repetidas: ditador de insaciable fame de riquezas e poder; holocaustos étnicos levados a cabo polos propios mais consentidos, cando non avivados, polas ex metrópoles; guerras civís interminábeis na loita polos recursos materiais; catástrofes naturais... As consecuencias, as mesmas: África envía sen descanso centos e miles de homes, mulleres e nenos que se transforman en carne dorida para o enriquecemento das mafias, que a cambio de prezos altísimos os guían ata unha precaria patera coa que cruzar o Mediterráneo, constituído así en ponte ou cemiterio.
E aínda que non quero hoxe afastarme da África, tamén na América existen eses ríos de xentes que recorren a Panamericana cara ao norte, na procura do american way of life que se lles nega nos seus países. Homes e mulleres que, explotados por coyotes, percorren aquelas terras por camiños de montaña, en autobuses nocturnos transitarios de estradas menos que secundarias, ou camiños de ferro, preferentemente de mercadorías. Sempre de noite. E sempre vítimas dos corruptos corpos de policía locais, detentadores de peaxes económicas e sexuais.
O polisón tamén soñou coas terras de Europa. Seguro que na aldea que o veu nacer escoitou historias de asentamento e traballo no vello continente. E tamén escoitou, seguro, historias de coñecidos dos que nunca máis se soubo. E decidiu tratar de ser dos primeiros. Quen sabe se con uns cantos números de teléfono apuntados nun anaco de papel («cando chegues, chama e dilles onde estás. Hanche ir recoller») burlou a garda do portalón e buscou acubillo na caixa das cadeas das áncoras. Imaxínoo agora tremendo de frío dende a primeira hora, axordado co bater das ondas contra a proa do barco; abafado na secuencia interminábel de subidas e baixadas marcadas pola forza do mar; sedento e morto de fame.
A autopsia dirá de que morreu, pero eu sei que morreu lembrando a súa terra e a súa xente, ignorante de que se o barco tivera que fondear, sería esnaquizado pola cadea que culebrea tola dentro da caixa ao tempo que a áncora busca o fondo do mar onde cravar a súa cruz. Que a terra que o recolla morto lle sexa máis leve que a que o veu nacer. Ramiro Ouviña. A Pobra