«A meta é morrer sen sufrimento»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Xunto con outros amigos de Sampedro, axuda ás persoas a ter un final digno

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala morte de Ramón Sampedro, o 12 de xaneiro de 1998, un grupo de amigos propuxéronse como reto manter viva a súa memoria e, sobre todo, darlle continuidade á loita que el emprendera para conseguir que as persoas foran quen de ter acceso a unha morte digna. Desde entón ata agora, foron moitos os pasos dados e os avances logrados, pero quedaba pendente a creación dunha plataforma que permitira chegar ás familias da comarca. Dereito a Morrer Dignamente Barbanza ven de encher este oco. A súa posta en marcha é a mellor homenaxe que os veciños de Xuño podían tributarlle a Sampedro no aniversario do seu falecemento.

Foi no pasado mes de decembro cando DMD Barbanza se constituíu formalmente, aínda que a idea viña de lonxe. Pepe Vila foi un dos impulsores: «Hai xa uns dez anos que lle vimos dando voltas a este tema. Houbo un par de intentos para fundar o colectivo en Porto do Son, por ser o lugar de nacemento de Ramón Sampedro, pero non foi posible. Ao final, os apoios definitivos chegaron de Ribeira», explica. Agora son unha ducia de persoas as que se reparten as diferentes áreas dun colectivo que ten como meta principal a difusión de información: «O noso labor é estar preto das persoas que precisan axuda, xa que aínda que se recolle o dereito a unha morte digna, hai moita xente que ignora os detalles. A meta é morrer sen sufrimento».

No seu labor, o colectivo seguirá as directrices marcadas desde DMD España, entidade que estivo prestándolle apoio aos barbanceses. Aínda que a traxectoria é curta, Pepe Vila e os seus aliados xa poden presumir de teren logrado un gran obxectivo: «Conseguimos que no Hospital da Barbanza haxa unha persoa que se encargue do rexistro de últimas vontades. É, ademais, unha persoa que non se limita a recoller os impresos, senón que lle ofrecerá ás persoas interesadas información detallada ao respecto».

Decisión necesaria

Nin que dicir ten que a posta en marcha de DMD Barbanza é o resultado da loita que iniciara Ramón Sampedro: «Nós o único que fixemos foi darlle continuidade á súa batalla, pero agora son os cidadáns os que teñen que ser conscientes de que hai que dar en vida os pasos necesarios para que, chegado o momento, haxa o mínimo sufrimento posible». Ao propio Vila, que está afeito a falar con familias que están nunha situación límite, cústalle moito poñerlle nome ao irremediable final: «Non gusta empregar a palabra morte, pero ven implícita co ser humano e tampouco podemos negala. O que debemos ter en conta é que o fin pode ser digno e debemos asumir a responsabilidade de decidir que sexa así». Neste sentido, o veciño de Xuño alerta de que non debe deixarse a decisión en mans dos familiares nin dos médicos: «Hai que afrontala mentres un está ben».

Pepe Vila e as persoas que o veñen acompañando na difícil misión de darlle continuidade ao labor de Sampedro advirten de que a loita non está para nada culminada: «A gran materia pendente nestes momentos é a informativa. O camiño a percorrer agora pasa por chegar a toda a poboación e poñerlle á súa disposición un número de teléfono ao que poder recorrer en caso de precisaren axuda».

O propio Vila é un dos tres integrantes de DMD Barbanza que asumiron a difícil responsabilidade de acompañar ás persoas que están na recta final da súa viaxe e ás súas familias. Nin que dicir ten que se trata dunha labor moi dura: «E tanto que si, contamos coa colaboración dun psicólogo que nos acompaña cando é preciso». El está convencido de que Ramón Sampedro estaría orgulloso dos seus amigos, pero advirte que as súas forzas van a menos: «Conseguido o gran reto, penso que chegou o momento de irme apartando e de que outros vaian asumindo o relevo».