Tímida conciliación e axudas rañicas

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

BARBANZA

09 ene 2017 . Actualizado a las 22:07 h.

Veño dunha familia de catro irmáns. E, se me poño a lembrar, onde nacín e crecín estabamos rodeados de familias semellantes. A miña era unha familia numerosa de segundo grao, como lle dicían daquela, o que daba vantaxe para optar a algunha beca media, pero non para ter o título que abría as portas a máis beneficios. Disque a cousa está hoxe en día practicamente igual, que o listón de familia numerosa segue a estar situado en cinco fillos, ou catro se concorren determinadas condicións nos irmáns.

Na miña teima de empregar a comparación do que fomos co que somos para entender circunstancias actuais, non me saen as contas sempre que o fago sobre poboación, a non ser que acabe concluíndo, unha vez máis, que meus pais, nosos pais, foron en realidade uns heroes que en tempos de contrastada necesidade criaron, no meu caso, a catro fillos en difíciles circunstancias, facendo auténticos tratados de economía sobre como alongar uns exiguos ingresos para vestir, calzar e alimentar a todos e, ademais, aforrar un pouquiño por «se vén unha enfermidade», dicíase entón.

Daquela, o fogar tipo só tiña un perceptor de salario, que, xeralmente, era o home, pero nas casas había todo un departamento de contabilidade concentrado na muller, á que poucas veces se lle deu o mérito que merecía, e incluso na actualidade non se lle ten respecto cando se di que non traballaban, como se non fose traballo coidar aos fillos, atender e administrar a casa... ese era verdadeiramente o traballo máis importante dunha familia.

O que pretendo neste artigo é buscar unha explicación á perda de poboación na que está inmersa Galicia e, particularmente, o territorio barbancés. Baixo a miña opinión, está relacionada coa renda familiar dispoñible, que está erosionada polo endebedamento no que incorreron os fogares nos tempos previos á crise, que se agravaron durante a recesión pola perda de fontes de ingresos e que non melloran porque o emprego que se está a recuperar é precario, tanto que, segundo algúns sindicalistas, un salario anterior á crise emprégase hoxe, en moitos casos, para pagar a dous traballadores, e esa redución froito do reparto non tivo a súa equivalencia na débeda.

É ben certo que os pais dos que nacemos nos anos sesenta facían milagres cos escasos ingresos que tiñan as familias, pero é unha realidade que a dependencia de servizos públicos ou de terceiros é hoxe moito máis grande, co seu correspondente custe, e a chamada economía de subsistencia está ao alcance de moi poucos.

Por iso non se teñen fillos, porque as contas non dan, e a Administración é tímida á hora de favorecer a conciliación e rañicas na concesión de axudas.