O mestre que rachou os límites da educación

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Impulsou a implantación en Rianxo da UNED Sénior, estudos universitarios para persoas maiores

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para un inmigrante non é doado abrirse camiño no lugar no que decide fixar a residencia, aínda que nel estean as súas raíces. Miguel Somoza rachou a tendencia. O esforzo, a dedicación e un chisco da imprescindible fortuna propiciaron que non só puidese retomar en España a carreira de mestre universitario que emprendera en Arxentina, senón que foi a máis, doutorándose en Ciencias da Educación e pasando a asumir a dirección do departamento de Historia da Educación na universidade a distancia, a UNED. Logrouno despois de que a morriña e o amor o trouxeran de volta a Rianxo.

Miguel Somoza naceu en Bos Aires, no seo dunha familia de rianxeiros que atravesaran o océano Atlántico na procura de fortuna. No Asados no que estaban as súas raíces pasou parte da infancia, coincidindo co regreso ao fogar dos seus proxenitores, pero foi en Arxentina onde se licenciou en Historia e empezou a traballar como mestre universitario: «A miña vocación era a historia, pero ofrecéronme a posibilidade de mergullarme na rama da educación e aceptei; considero que a educación é unha institución fundamental en calquera sociedade».

Comezos difíciles

Aínda que no país de Sudamérica tiña forxado un importante currículo, aderezado con investigacións e publicacións diversas, non dubidou en deixalo todo cando recibiu a chamada de Cupido: «Vin pasar un verán a Asados, con fin de ver á familia e contactar de novo coa terra na que pasara parte da miña infancia e, o día antes de regresar a Bos Aires, coñecín á que hoxe é a miña muller». Era consciente de que tiña complicado retomar aquí a carreira de mestre universitario que deixaba atrás, pero non lle importou. Como calquera inmigrante, viuse na obriga de desempeñar diferentes traballos, desde facer enquisas ata colaborar na realización de censos, pasando por atender a biblioteca municipal de Rianxo.

Mentres trataba de subsistir, Miguel Somoza mantiña a esperanza de regresar ao mundo universitario e, con empeño, conseguiuno. Doutorouse en Filosofía e Ciencias da Educación na UNED, e logrou alí unha praza de mestre que o segue obrigando a viaxar constantemente desde Asados, vila na que reside, ata Madrid. Foi el o que impulsou o desembarco en Rianxo da UNED Sénior, cursos universitarios dirixidos a maiores de 55 anos para os que non se require titulación previa. «Galicia, sobre todo a súa zona rural, ten unha historia que, desde o punto de vista da educación, está marcada polo alto nivel de analfabetismo e eu quería darlle a esa xeración que tivo dificultades para acceder á escola a oportunidade de estudar», explica.

Pasado e presente

Ademais de na docencia, Miguel Somoza traballa nos que considera os outros dous piares da universidade: a divulgación e a investigación. É, de feito, o subdirector do Centro de Investigación Manes (manuais escolares), co que ten realizado e liderado unha chea de estudos, boa parte deles financiados polo Ministerio de Economía con fins de innovación e desenvolvemento. O rianxeiro destaca, precisamente os tres últimos, informes relacionados entre si que arrancan coas consecuencias da implantación da polémica materia de educación para a cidadanía e viaxan cara atrás no tempo para analizar a presenza de emocións e sentimentos nos manuais do período da transición e chegar incluso ao tardofranquismo, un traballo no que está mergullado a día de hoxe.

Miguel Somoza considera imprescindible realizar esta viaxe no tempo, ao pasado da educación en España, para entender e explicar a situación actual. Un presente que, en contra das voces catastróficas que con frecuencia sitúan o conxunto do Estado á cola de Europa, o rianxeiro ve con optimismo: «A situación é moi boa. O debate ven xerado polos resultados dos informes PISA que, entre outras cuestións, usan datos brutos que non se axustan á situacións socioeducativas concretas. Todos sabemos que a situación das familias inflúe nos resultados educativos e, de aplicárense eses índices, os resultados do informe serían moi diferentes. A media de España non é mala, está no promedio dos países europeos e incluso avantaxa a algúns».