Inspírase na natureza que o rodea para crear cadros e compoñer poemas
07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Nunca é tarde para que unha persoa se dedique de cheo á paixón que sempre correu polas súas veas, pero que, por mor case sempre de razóns laborais, non foi quen de poder desenvolver. Tucho Roibal é un bo exemplo disto. Cada vez que os seus ollos se pousan na ría de Arousa, no cumio da Curota ou na illa de Sálvora, das súas mans brota un cadro e da súa gorxa, as rimas que compoñen un poema. E faino coas oitenta primaveras superadas. De feito, cumprirá 86 anos o vindeiro día 7.
O traballo que realizou no eido metalúrxico, en empresas coma os talleres Nervión de Ribeira, pero tamén en outras comunidades de España, supuxo no pasado un obstáculo para que Roibal desenvolvera con plenitude unha afección pola arte que descubrira de cativo: «Sempre me dixeron que xa debuxaba sendo moi pequeno». Con 16 anos mergullouse na técnica do óleo, pero recoñece que nunca seguiu unha traxectoria continuada: «Lembro que debuxaba sobre todo no verán. O certo é que daquela non había calefacción e no inverno era duro estar tanto tempo quieto».
Pero, cando a necesidade apertou, o ribeirense non dubidou en botar man da afección que sempre o acompañou para gañarse a vida: «Estando en Valencia quedei sen traballo e estiven catro anos vendendo cadros na rúa. Naquela época si que fixen unha obra extensa». Foi trala xubilación cando Tucho Roibal tivo finalmente ocasión de pasar os días entre lenzos, pinceis e paletas de cores. Compaxina esta afección coa súa segunda gran paixón, a composición de poemas: «No mundo da poesía mergulleime máis tarde, cando tiña máis de 50 anos. Un amigo que me amosou uns poemas que compuxera foi o que me meteu o bicho no corpo».
Poesía con gheada e seseo
Explica que, a diferenza do que ocorre coas súas pinturas, todas elas inspiradas en paisaxes, tanto de mar coma de montaña, cando escribe plasma sentimentos: «Teño tamén algunha composición infantil, con toque de humor, pero o resto son versos que me brotan de dentro». Pero, aínda que sexa sen decatarse, Tucho Roibal troca en versos a paisaxe que o rodea: A Curota desde o alto vese no mar repetida, co de arriba para abaixo e o de abaixo para arriba, no medio Coroso blanco é un eixe de simetría».
En algunhas das súas composicións, o ribeirense non dubida en empregar a gheada e o seseo propios da Ribeira que retrata: «Nase a mañá pola ría e renase a algharabía, sighe o sol o seu camiño e a mañá faise en Aghiño tarde polo mar abaixo».
Por se non fose suficiente coas facetas de pintor e de escritor, Roibal desenvolve tamén a de mestre. Imparte clases de acuarela a un grupo de adultos no espazo cultura Nume: «Se digo a verdade, non sería capaz de dicir se me gusta máis pintar ou ensinar a pintar». Aos seus alumnos dálle sempre unha pauta básica: «A acuarela ten que dar a impresión de que foi feita no momento. O aspecto que ten que ter o cadro ao final é coma se se fixera de xeito improvisado».
E foi a propietaria de Nume, a artista Pilar Ageitos, a que animou a Tucho Roibal a amosarlle ao gran público a súa obra, tanto os cadros coma os versos. El xa montara no pasado unha pequena mostra de debuxos en branco e negro no auditorio municipal, pero a que se inaugurou o xoves no espazo cultural ribeirense é a súa primeira gran exposición. Son corenta pinturas en pequeno formato e uns cantos versos que se presentan baixo o título En la costa canta el mar.
Na costa e no mar seguro que se seguirá inspirando este gran artista de Ribeira para sorprender con cadros e con poemas cargados de tenrura. A súa ilusión pola creación vai a máis cada día que pasa.