O cainismo do PP

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

29 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eran as oito da mañá daquel mércores. Cadraba co primeiro control do goberno nesta lexislatura cando o meu radio-espertador, sintonizado cun faladoiro dunha emisora nacional, cumpriu as súas funcións. Todo normal ata que, pasados uns minutos, anticipábase que Rita Barberá podería ter morto nun hotel preto do Congreso dos deputados, óbito confirmado pouco despois. Como se fose transportado no Carro de Fogo de Elías de Tesbe, eu estaba visionando un cadro virtual da Pobra do Caramiñal.

Anos fai, e para unha consulta política, chamei á sede do PP en Génova, 13 e puxéronme con ela. Como dicía un compañeiro de traballo ao respecto dunha compañeira mutua, Rita valía para defender un rancho. Supoño que ata estes derradeiros tempos esta muller non se decatou de que o PP é a formación máis cainita de todo o espectro político español no sentido metafórico de «Caín matou a Abel».

Sobre o matrimonio gai dicía: «Hay muchas otras formas de preservar derechos entre las parejas de igual sexo». E, sobre o aborto: «Tengo un gran interés por la vida. Creo que si una célula, al ser fecundada, es capaz de desdoblarse en dos, cuatro, ocho... es porque tiene vida», pero, como expresa o refrán, nos pecados do PP van as penitencias de Rajoy, que ata renunciou dos principios liberais pasando a proclamar (Núñez Feijoo, entre outros, dixit), defender e practicar as esencias socialistas, froito das cales, e con maioría absoluta, non foi quen de arranxar os problemas de España. Cando menos Fidel Castro morreu sendo coherente coas súas conviccións comunistas.