O dirixente da confraría ribeirense está convencido da influenza do cambio do clima no marisqueo
13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O comezo deste mes de novembro marcou o inicio dunha nova campaña marisqueira nas concesións xestionadas pola confraría de Ribeira. Desta vez, a volta aos bancos naturais está a ser doce porque tanto as capturas coma os prezos acompañan, pero a ameaza da toxina segue a planear sobre os produtores ribeirense, dos poucos que neste momento poden traballar. No mundo do mar nunca se pode dar nada por seguro, e iso sábeo ben o patrón maior do pósito, José Antonio, quen, sen embargo, cre que iso de estar a mercé da natureza non é tanto problema e si unha das partes bonitas dun oficio no que se conservan os costumes dos antepasados.
-Parece que este ano a campaña comezou ben.
-Levamos case dúas semanas e a verdade é que vai moi ben, non está habendo problemas para coller os topes e os prezos tamén están moi ben. Penso que esta semana batemos o récord ao acadar a cotización más alta da babosa, 64 euros o quilo.
-Vai ser difícil que eses prezos se manteñan moito tempo...
-Os prezos non deberían baixar demasiado, moito do noso produto vai para conserva e esa clase de marisco está moi cotizado. Se hai abundancia pódelle afectar un pouco ás cotizacións das ventas para fresco, pero achégase o Nadal e nesas datas tamén aumenta moito a demanda, así que non debería haber problema.
-Agora mesmo a toxina ten pechadas moitas zonas produtivas, ¿están notando a repercusión nas cotizacións por ese motivo?
-Algo sempre favorece porque hai menos bivalvo no mercado. En calquera caso, o noso produto é moi bo, está cheo e é de boa calidade, por iso ten valor.
-Hai marisco e os prezos acompañan, pero miran de esguello a ameaza dunha marea vermella que está moi próxima, ¿é que nunca pode darse unha campaña tranquila?
-Nunca, se non é por unha cousa é pola outra, pero sempre hai algo. A nós polo de agora non nos afectou a toxina, pero se cadra mañá vén o mal e tampouco podemos ir traballar.
-Esa inestabilidade, o non saber que pode pasar ou se mañá se poderá ir faenar, ¿non fai máis difícil o traballo no mar?
-No caso do marisqueo non, o bo que ten é que, se non a colles, a ameixa queda no fondo do mar, non desaparece, e podes ir outro día a ela, noutras artes iso non pasa. O que si nos preocupa é a toxina. O mar sabemos como é, aprendemos a vivir con el, sabes que poden vir un par de días malos e tes que parar, pero pasan, ou hai zonas máis abrigadas nas que podes traballar igual. A marea vermella é imprevisible. E o temor sempre está aí. Antes non era así, viña máis ou menos na mesma época todos os anos, pero a cousa vai a máis e pensamos que o cambio climático é unha das razóns.
-Que unha campaña sexa un éxito, ¿é máis cuestión de sorte ou de traballo?
-De sorte ten bastante, inflúe todo. Traballo tamén hai: fanse rexeneracións, límpanse os bancos, árase o fondo para retirar as algas e que o marisco poida respirar, retíranse depredadores. Antes do comezo da campaña aínda tivemos que actuar cos buzos da confraría para limpar estrelas de mar que estaban comendo a ameixa, en dúas horas quitamos 1.500 quilos. E logo inflúen moitas cousas, como sexa a temperatura da auga na época de desove, se o marisco agarra mellor ou peor...
-Tamén se toman decisións, como a data da apertura da campaña ou reservar determinadas zonas para a época de Nadal, que apuntan a que a estratexia tamén é importante nas campañas marisqueiras.
-No noso caso non, nós traballamos como sempre se fixo aquí, no verán deixamos que desove o marisco e no inverno extraémolo. Temos feito algunha vez o de gardar unha zona para o Nadal pero comprobamos que non era o mellor. O problema é que se deixas parte das concesións pechadas concentras a toda a flota no mesmo sitio e esquílmase moito máis, esgótase e non queda ameixa para desovar.
-A diferenza do que pasa en Noia, por exemplo, en Ribeira ninguén vive exclusivamente do marisqueo, ¿iso fai que a importancia de que a campaña teña éxito sexa relativa?
-Non, esta campaña ten moitísimo peso, é unha fonte ingresos moi importante para os socios e para a confraría, sobre todo no inverno, que é cando está peor tempo e non se pode ir a outras artes. É unha das razóns polas que mantemos este sistema de traballo, no verán un pódese dedicar a calquera outra cousa e deixamos desovar o marisco, e no inverno imos á ameixa, se non tiveramos iso non teriamos onde gañar o pan.
-¿Cales son as principais ameazas para o sector neste momento?
-Principalmente, a existencia de zonas con moita falta de bivalvo, os bancos non producen o que producían antes. Hai zonas que aínda que as traballes e sementes non producen, non hai maneira de que o marisco agarre, e o coido que o cambio climático está tendo moito que ver.