Entre cabazas e turróns

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

O alumeado de cores non está nas rúas e o frío aínda non fai fumear as chemineas, pero si, chegou o Nadal. É certo que hai xa un tempo que os turróns e demais sobremesas típicas da época comezaron a gañar espazo nos supermercados, pero ultimamente, desde que o Samaín (ou Halloween, segundo o gusto de cada un) se puxo de moda, as chucharías con formas monstruosas e as cabazas usurparon parte do espazo noutrora exclusivo dos doces propios do Nadal. E os disfraces de zombi e pantasma substituíron aos adornos navideños e as luces nas tendas de todo a cen. Pero agora xa si, a orde natural instaurouse nos establecementos comerciais e turróns e polvoróns volven ocupar o lugar que merecen nos estantes das grandes superficies.

Pero non é ese o único sinal de que xa está aquí a festa máis familiar do ano, que, por certo, desta vez por pouco nos colle co traxe de baño posto gozando das altas temperaturas á beira do mar. Mentres nos resistimos ao obrigado cambio de armario para sacar abrigos e chuvasqueiros, comezan a chegar de forma masiva as mensaxes que apuntan ao inicio do Nadal, e a avalancha é tal que dá a impresión de que en calquera momento podemos topar con Papá Noel ou cos Reis Magos. Iso si, esas mensaxes, máis que transmitir a idea de concordia e solidariedade coa que se relaciona con estas datas, oriéntanse máis ben a que vaiamos sacando a carteira para afrontar o gasto que nos vén enriba.

No medio da prensa diaria ou a través das caixas do correo xa comezaron a chegar os interminables catálogos de xoguetes para que os cativos da casa vaian escollendo o que queren. As asociacións, grupos de estudantes e clubs deportivos que venden participacións para o sorteo do Gordo son innumerables. Estrella Galicia xa ten preparada a edición especial de cervexa para estas datas. Os restaurantes teñen deseñados os menús para as ceas de empresa ou mesmo para a última noite do ano para que os interesados vaian facendo a reserva, non vaian quedar sen sitio chegado o momento. E nalgunhas tendas ofrecen condicións especiais para que merquemos xa os regalos sen preocuparnos por que ao destinatario lle pase o prazo para cambialo en caso de que non lle guste.

Isto ben pode ser unha metáfora do momento no que estamos a vivir, no que se imprime a todo un ritmo vertixinoso, no que todo son présas e no que tentamos adiantarnos ao que vai pasar -por exemplo, comezando coas compras navideñas cando falta máis dun mes- en lugar de vivir e gozar o presente. Onte, unha coñecida cadea de supermercados publicou un novo anuncio no que unha anciá di unha fase lapidaria: «A vida é dura, e difícil, pero faise curta de carallo». Pois iso.