O meu paisano Antón Riveiro Coello acaba de facer pública na Rede a portada do seu novo libro, A ferida do vento, que verá a luz en novembro. Antón comparte comigo o feito de ser veciño do Barbanza, pero tamén de ser oriúndo de Xinzo de Limia. Na portada desde título aparece un persoeiro da capital da Limia que el seguramente chegou a coñecer, pero do que eu unicamente oíra falar, vira algunha foto e lera algún artigo do que logo falarei. O protagonista da imaxe recuperada é Enrique Picamoca, un pobre diabro que nos anos cincuenta visitaba Xinzo procedente da súa aldea natal, Faramontaos. O tal Enrique naceu cunha minusvalía psíquica e coñecía moi de preto a fame, tal e como me explicou o meu pai esta fin de semana cando, estando na casa, lle mostrei a portada do próximo éxito editorial de Antón. O caso é que o persoeiro que nos ocupa, que aparece nunha foto tomada na rúa principal de Xinzo, era moi coñecido na vila. A el, recorda o meu pai, sabíalle moito fumar, pero a falta de cartos para comprar o tabaco, recollía do chan as cabichas á vez que repetía a palabra «picamoca» cun ton de voz moi peculiar. E a base de repetilo quedoulle, como se fose un apelido, de alcume.
Outro ilustre veciño de Xinzo, Carlos Casares, foi o primeiro que retratou o tal Enrique Picamoca. E ademais no seu mítico recuncho de La Voz de Galicia. Nun artigo, do 27 de maio de 1994, Casares xa falaba de Enrique Picamoca baseándose no seu apelido ficticio para titular a columna publicada naquela xornada primaveral. Carlos comezaba a súa píldora de brillantez subliñando a afección do retratado polo tabaco, para logo engadir: «Nunca quixen crer a lenda que aseguraba que o tabaco da desfeita o vendía despois nun estanco, onde o reciclaban en forma de pitos soltos daqueles que consumiamos os rapaces naquel mercado vergoñento que consistía en comprar o vicio por céntimos e de un en un». O que será recoñecido no vindeiro Día das Letras Galegas engadía, xa hai dúas décadas, o que meu pai recordaba esta fin de semana, que Enrique Picamoca non era malo, todo o contrario, motivo polo que quedou na memoria colectiva de varias xeracións de veciños de Xinzo. Agora é Antón Riveiro, un limiao situado polos lectores no cume das letras galegas contemporáneas, o que recupera a figura deste coitado para ilustrar a portado do seu novo libro. O meu pai, que coñece dabondo a familia do escritor, sempre me falou moi ben do seu pai, e especialmente do seu tío Saro, ao que lle garda especial cariño. Eu, polo de pronto, a imaxe máis representativa que teño de Antón é vestido de pirata gozando do entroido máxico da nosa vila. E quizais este novo libro, que recupera a figura de Picamoca, non sexa máis que outro banzo que subirá o autor para ser homenaxeado algún 17 de maio. E a bo seguro, cando iso ocorra, haberá moitos veciños de Xinzo que se acordarán da portada de Enrique Picamoca e do propio novelista vestido de pirata na vila á que tanto lle gusta regresar.