A inspiración estaba nos versos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A poesía serviulle ao ribeirense Manuel Ayaso para saír airoso dun período falto de creatividade

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que é habitual que os artistas, sobre todo aqueles que teñen unha obra ampla, pasen por momentos en branco, períodos nos que a ausencia de inspiración lles impide gañar a batalla outrora doada cando se enfrontan a un lenzo en branco. A un dos máis grandes de Barbanza, o ribeirense Manuel Ayaso, tamén lle aconteceu o que el cualifica de «depresión creativa». Foi hai uns catro anos. Como era incapaz de pintar, o artista decidiu botar man da súa biblioteca particular, conformada por máis de tres mil volumes. Foron os de recoñecidos poetas os que chamaron a súa atención. Lendo os seus versos xermolou, case sen que o autor se decatara, o libro Debuxando a palabra.

A medida que lía os poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez ou Valle-Inclán, a Manuel Ayaso brotábanlle ilustracións na cabeza, sempre vinculadas a ese imaxinario galego que caracteriza a súa obra, que ía plasmando a carón dos versos que transcribía. Nunca pensou que o froito daquel proceso que para el era como un adestramento acabaría convertido nun volume ata que lle expuxo o proxecto ao seu colega e compañeiro de batallas Alfonso Costa: «A el gustoulle a idea e propúxome trasladarlla a Javier Expósito, o fundador do Museo do Gravado de Artes. Foi el o que deu o empuxón definitivo cando se brindou a editar o volume».

Alfonso Costa deixou a súa pegada en Debuxando a palabra, pois foi o encargado de maquetar o libro; mentres que a poetisa Eva Veiga, ademais de poñer algúns dos seus versos a disposición de Ayaso, elixiu o título da obra, que o sábado era presentada no museo de Artes. Alí repousan xa os orixinais que deron pé a este volume, pois o artista ribeirense decidiu cederlle as ilustracións á persoa que viu interese público nun traballo que pretendía ser un tesouro persoal.

Terceira «Entredous»

O período de ausencia de creatividade que deu pé a esta obra xa é auga pasada. Manuel Ayaso atópase en plena efervescencia. Ven de colocar na Catedral, unha galería de Lugo, unha colección de 36 obras realizadas en acuarela con punta de prata, a súa técnica preferida, e está traballando, xunto con Alfonso Costa, na que será a terceira parte de Entredous. Ao igual que ocorreu nas coleccións anteriores, do que se trata é de que un comeza un cadro que remata o seguinte, e viceversa.

Costa e Ayaso levan xa varios meses compartindo lenzos en branco e teñen previsto concluír a comezos do 2017 unha serie que terá 60 obras. O obxectivo é que a Xunta lles permita exhibila na Casa da Parra de Compostela: «Queremos montar unha gran exposición, á que lle sumaríamos unha ducia de cadros propios cada un de nós». A segunda Entredous está espallada, xa que boa parte das obras que a integran foron vendidas, mentres que a primeira forma parte dos fondos do Museo do Gravado de Artes, unha sala que o artista de Ribeira considera referente a nivel mundial: «É un museo digno de estar nunha gran cidade, como Santiago, onde si tería o recoñecemento que se merece».

Para Ayaso é un orgullo ter acceso aos fondos que atesoura o centro de Artes e exhibir alí a súa obra, como sería recibir a Medalla Castelao que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, volveu a pedir para el: «Sería unha honra porque Castelao é unha figura emblemática».