A voltas co Nobel

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

22 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu tamén penso que un cantautor é un poeta, e polo tanto tan merecedor do Nobel como calquera novelista. E aplaudiría que, de vivir hoxe en día Martín Códax, Paio Gómez Chariño, Pero Rodríguez de Palmeira (de quen por desgraza non coñezo ningunha obra), ou calquera outro dos xograres do noso país, levasen ou fosen candidatos ó premio Nobel de literatura. As súas composicións, que nós só coñecemos en forma de poema, tamén estaban feitas para ser cantadas e acompañadas de instrumentos musicais, e por iso mesmo que llo desen a Bob Dylan non me parece mal; a pesar de que nin descolgou o teléfono para recibir a noticia nin, seguramente, vaia a recollelo, o que tanto se pode entender como un acto de demasiada humildade como de demasiada soberbia.

Certamente, o deste ano sorprendeunos a todos, acostumados a nomes e obras máis canónicas, pero aínda confesando que tiña as miñas apostas sobre outro tipo de literatura e outro tipo de escritor, tamén entendo que os cantautores son máis poetas ca músicos, unha modalidade máis das voces da conciencia. ¿E que é a literatura senón voces da conciencia? Por certo, moi apreciados na Barbanza, onde Krahe ten a súa homenaxe en forma de escultura. E xa ía sendo hora de que alguén se atrevese a dicilo con feitos, como o ano pasado o dixeron do xornalismo e algún día recoñecerán ós guionistas, verdadeiros encofradores da cinematografía.

Aínda así, o Nobel, coma calquera premio con varios candidatos sempre adoece dunha aura de inxustiza. Todos temos ós nosos particulares nomeados en cada materia, e todos sufrimos cando os escollidos non son os nosos. Eu votaría por Lobo Antunes para literatura e por Stephen Hawking para o de física, pero nunca acerto, como non acerto co profesor Carballo Calero para o Día das Letras, porque os académicos sempre están moi por encima dos simples mortais.

Agora tamén é cando entendemos a razón desa tardanza da academia sueca para atreverse a dar o nome do gañador deste ano, cunha semana de retraso por primeira vez na historia, o que nos demostra que non foi doada a escolla nin a valentía para comunicalo, que hai moitos cantautores, poetas, escritores e escribidores para merecelo e aumentar esa diverxencia que o comité dicía non ter pero tíñaa, e non é de estrañar. Agora só falta saber se a Dylan lle deron o premio por non darllo a outro, ou se con este se abre un novo recoñecemento dentro do Nobel, que perda o apelativo de literatura e pase a ser de artes en xeral, onde ademais dos escritores entre outro tipo de creadores. Porque por faltar faltan moitas materias nos que veñen a ser os máis grandes galardóns da cultura, por exemplo, eu boto en falta que cando algún matemático o recibiu só foi por aportacións a outros campos, como a física ou a economía; e retiraría o da Paz vendo a traxectoria que levou na maioría dos casos.

Pola miña parte, esta semana estou lendo os versos (letras) das súas cancións, e só agardo que con Dylan non pase o que pasou con tantos literatos galardoados, cuxa obra post-nobel deixa moito que desexar.