O equipo que adestra loitará por repetir a gran tempada pasada, na que loitou polo ascenso
17 oct 2016 . Actualizado a las 11:44 h.A actuación do Noia F.S. o ano pasado valeulle dous galardóns da Federación Española de Fútbol Sala: ao mellor equipo e ao mellor adestrador. Este último, Nano Maroño (Santiago, 1971) fai balance dun bo arranque ligueiro e analiza agora os obxectivos a alcanzar nesta nova categoría por uns xogadores imparables.
-Parabéns polo premios acadados a semana pasada, ¿supoñen un aumento da responsabilidade?
-O importante de recibir un premio é a responsabilidade que implica. Sempre é unha satisfacción, pero non deixa de ser un galardón colectivo ao traballo dos xogadores e ao apoio da afección e, por suposto, do pobo noiés.
-¿Cales son os obxectivos desta tempada e cales son as posibilidades de acadalos?
-Os obxectivos son moi ambiciosos. O Noia dende o seu comezo sempre pensa en chegar o máis lonxe posible en cada competición e iso é o que nos marcamos para esta tempada. Tentamos facelo dende a Copa Deputación, pero levamos un pau contra o Ventorrillo. Sen embargo, estamos na Copa Xunta, na Copa Galicia e na Copa do Rei contra equipos de maior entidade e prestixio. Na liga estreámonos con vitorias e queremos seguir baixo esa tónica, resolvendo cada partido da mellor forma posible.
-¿Como afrontan a Copa do Rei?
-É un chanzo bastante alto, tócanos un equipo de primeira cunha dinámica de adestramento semanal de mañá e tarde. Trátase dun rival superior, de gran calidade física, técnica e táctica. Como podemos suplir iso? Pois coas nosas armas: o noso xogo e a nosa motivación.
-¿Estamos vendo o estilo de xogo que quere para o seu equipo esta tempada?
-Somos optimistas, queremos estar entre os tres primeiros clasificados durante todo o ano. Iso é unha presión engadida. A verdade é que este ano estamos arrancando de forma distinta. O anterior, empezamos traballando moito a defensa ata a segunda volta, cando nos centramos na parte ofensiva. Agora o baseamento é ao revés: tiñamos moitos problemas á hora de traer o balón á nosa posición e saír da presión custábanos.
-¿Cal será a metodoloxía dos adestramentos en base a isto?
-No playoff vimos que nos faltou asentamento no ataque, por iso empezamos por esta parte, pero non podemos deixar de lado a defensa. Ademais, sempre buscamos información do rival mediante vídeos dos seus choques, pero o traballo semanal facémolo segundo o que nos fará a nós ser mellores coa bola. Factores como identificar cal é o xogador determinante, o que finaliza as xogadas ou o que fraquea para apertalo, quen é zurdo ou destro... Enfocámonos no que precisamos traballar cada partido.