David Gaciño: «A norma é o benestar animal»

p. bretal

BARBANZA

MARCOS CREO< / span>

O dono de «Zoco», o primeiro cabalo galego en rematar un mundial, analizou a preparación da proba de maior nivel

10 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o experto en hípica David Gaciño fala de Zoco, en ningún momento podería pensarse que está a referirse a un animal, pois faino dende o respecto e a amizade. E para nada está errado. Este experto e responsable do Centro Hípico Montemuíño (Porto do Son) non criou un cabalo casqueira. Ao campión galego aválano a participación en tres campionatos de España, uns Xogos Ecuestres e dous mundiais. No último deles, en Eslovaquia, finalizou no posto 44 de 150.

-¿Que obxectivos se levaron á poboación eslava de Samorín?

-O noso obxectivo era facer 17 quilómetros por hora en cada fase, de conseguilo teríamonos colocado entre os 30 ou os 35 primeiros do mundo. Pero as condicións varían dependendo da carreira. Conseguimos unha media de case 16 quilómetros por hora sen saírnos moito do guión. Pero eu sabía que Zoco a esa velocidade manteríase nos parámetros fixados polos veterinarios. A norma é o benestar animal.

-Satisfeitos, ¿verdade?

-Estamos máis que satisfeitos, sendo realistas nós non podíamos optar agora a nada máis que finalizar, que xa é unha fazaña bastante considerable ao ser Zoco o primeiro cabalo galego en facelo. E conseguimos outras metas: Mauricio Gaitán é o primeiro xinete colombiano que remata un campionato mundial da historia.

-¿Cal é a idade óptima dun cabalo para competir nesta disciplina?

-Zoco ten agora 16 anos e non é un cabalo vello, é un animal adulto. Na alta competición e no mundo endurance, que é o que eu practico, hai moito nivel. A media de idade do campionato do mundo estimo que está entre 12 e 14 anos. Primeiro, porque deben pasar por todas as categorías para chegar aquí, e segundo, porque está máis que demostrado que o cabalo obtén o seu máximo rendemento nesa idade.

-¿Como se prepara un Campionato Mundial de raid?

-O método de adestramento é similar ao dun humano maratoniano, coa diferenza que os cabalos portan ao xinete enriba. Dependendo do terreo no que adestres, collen unha determinada forma física. Por exemplo, en Porto do Son onde eu adestro temos moita montaña, con baixadas e subidas abruptas, o que fai que o animal adopte un bo fondo físico. Pero temos o problema de que cando as carreiras son demasiado rápidas, non conseguimos alcanzar grandes velocidades. Sempre adaptamos o adestramento ao tipo de cabalo e ás veces temos que descartar carreiras ou acudir a outras que se axeiten á nosa clase de terreo.

-¿Cal é a sintonía que debe existir entre adestrador, xinete e animal nunha proba deste nivel?

-Neste caso, cando traballamos con xinetes que non coñecemos temos que facer previamente unha carreira clasificatoria. Esta debe ser no mesmo ano do mundial e da mesma distancia [160 quilómetros]. Se se fai durante todo o ano o resultado, loxicamente, pode ser mellor. Por parte do adestrador é moi importante que lle comunique ao xinete todas as condicións que pode ter o cabalo durante a carreira, xa que me paso todo o día con el e competimos xuntos.